9 de xuño de 2009

CULTURA

Exposición Antolóxica Ruibal 1966 - 2008





Infogauda / Pontevedra
Na sala de exposicións temporais do novo edificio do Museo de Pontevedra, desde o 29 de maio ata o 5 de xullo de 2009, celebrarase a mostra Ruibal 1966/2008, na que se resume, a través de máis de cen obras, a traxectoria artística de Manolo Ruibal desde o seu inicio.
A exposición, que recolle obras de coleccións particulares, institucións públicas e da colección do artista, conta coa colaboración da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia e foi organizada baixo o comisariado de Tomás Paredes.
1966 - 1980
A pintura de Manolo Ruibal iníciase con temas de figura e paisaxe abordados desde a reinterpretación do colorido fauvista centrado en tons de grises e azuis. Mantendo esta gama fría, evoluciona cara o informalismo de formas desintegradas e forte empaste, dando protagonismo á materia. Esta pintura expresiva xira na segunda metade dos setenta cara un grafismo esquemáticos, lineal de tons planos a base de tinta chinesa e témpera ao ovo, conformando obras baseadas no equilibrio forma-cor.
1983 - 1999
Ruibal continúa o proceso analítico, estiliza, depura, esquematiza, traza figuras femininas con movemento e canon alongado e incorpora o tema da natureza. As estadías en New York proporcionan á súa obra a verticalidade do urbanismo da cidade, percepción que expresa nas pezas de foamboard que transgriden o concepto de pintura e escultura. O proceso de depuración condúceo á abstracción, tanto no soportes tradicionais como en obxectos atopados: pedras de granito e cantos rodados.
2000 - 2008
A experiencia do soporte pétreo lévao a pintar sobre enormes monólitos nos que está latente a alusión aos menhires, pezas coas que realiza instalacións que transforman a paisaxe. Na pintura e o debuxo consegue unha sobriedade compositiva e cromática que se traduce en fondos monocromos e planos e motivos reducidos á sinxeleza dun trazo

Ningún comentario:

Publicar un comentario