27 de maio de 2009

AMNISTÍA INTERNACIONAL PRESENTOU O INFORME ANUAL

BAIXO A CRISE ECONÓMICA ESCÓNDESE UNHA BOMBA DE RELOXERÍA DE DEREITOS HUMANOS









Amnistía Internacional / Madrid


O mundo está sentado sobre unha bomba de reloxería social, política e económica agravada por unha crise de dereitos humanos en desenvolvemento, dixo hoxe Irene Khan, secretaria xeral de Amnistía Internacional, na presentación do Informe 2009 de Amnistía Internacional: O estado dos dereitos humanos no mundo.
“Baixo a crise económica hai unha explosiva crise de dereitos humanos”, dixo Irene Khan. “A recesión económica agravou os abusos, fixo que se desvíe a atención deles e creou novos problemas. Os dereitos humanos pisáronse en nome da seguridade e agora reléganse ao último posto en nome da recuperación económica”.
“O mundo necesita un New Deal (Novo Acordo) mundial sobre dereitos humanos. Non necesita promesas sobre o papel, senón compromisos e medidas concretas dos gobernos para desactivar esta bomba de dereitos humanos. Os líderes mundiais deben investir nos dereitos humanos con tanta determinación como o fan na economía.”
“Miles de millóns de persoas sofren inseguridade, inxustiza e indignidade”, dixo Irene Khan, que engadiu: “A crise consiste en escaseza de comida, emprego, auga non contaminada, terra e vivenda, pero tamén en privación, discriminación e aumento da desigualdade, a xenofobia e o racismo, a violencia e a represión en todo o mundo”.
- Malia o crecemento económico de países como Brasil, México e India, ás comunidades indíxenas e outros grupos marxinados negáronselles dereitos básicos para vivir unha vida digna.
- Centos de miles de persoas de barrios marxinais e comunidades urbanas víronse forzadas ao desarraigamento en nome do desenvolvemento económico.
- A fame e as enfermidades aumentaron debido á drástica subida dos prezos dos alimentos, e os gobernos –en particular os de Myanmar, Corea do Norte e Zimbabue– utilizaron a comida como arma política.
- Continuou a discriminación e a violencia contra as mulleres.
- En resposta ás presións migratorias, os países de acollida e de tránsito adoptaron medidas aínda máis restritivas para manter aos migrantes fóra das súas fronteiras. A UE levou a iniciativa nesta actitude, en conivencia con gobernos como os de Mauritania, Marrocos e Libia.
“Hai sinais crecentes de axitación social e violencia política e existe o risco de que a recesión xere máis represión”, dixo Irene Khan, sinalando a dureza das reaccións dos gobernos ás protestas contra as condicións económicas, sociais e políticas en países como Tunisia, Exipto, Camerún e outros países de África. A policía e as forzas de seguridade gozaron dunha impunidade xeneralizada.“China e Rusia son a proba de que un mercado aberto non conduce a unha sociedade aberta”, afirmou Irene Khan.
“Durante o ano, activistas en favor dos dereitos humanos, xornalistas, profesionais da avogacía e outros membros influentes da sociedade civil foron vítimas de ameazas, ataques, fustrigacións e homicidios que quedaron impunes en todas as rexións do mundo.”
Segundo Irene Khan, os dirixentes mundiais estanse centrando en intentar reactivar a economía mundial e ignoran os conflitos sanguentos que xeran abusos masivos contra os dereitos humanos.
“Desde Gaza a Darfur e desde o leste da República Democrática do Congo ao norte de Sri Lanka, o prezo en vidas humanas que se cobraron os conflitos foi tremendo, e a morna resposta da comunidade internacional, vergoñenta. Estase dedicando unha enorme cantidade de recursos a loitar contra a piratería na costa de Somalia, pero non a deter o fluxo de armas que matan á poboación civil dese país. Intensifícanse as operacións militares en Afganistán e Paquistán, pero se minimizan as consecuencias dos conflitos no plano humanitario e de dereitos humanos”, afirmou Irene Khan.
“Ignorar unha crise para concentrarse noutra é a receita perfecta para agravar as dúas. A recuperación económica non será nin sostible nin equitativa se os gobernos non resolven os abusos que xeran e agravan a pobreza, ou os conflitos armados que xeran novas violacións.”
Irene Khan engadiu: “O novo liderado do G-20 sofre o desprestixio de enfoques anticuados e errados dos dereitos humanos. Os abusos, as palabras baleiras, a promoción dos dereitos humanos no estranxeiro ignorándoos no propio país, a protección aos aliados para que non teñan que render contas non son factores que xeren precisamente confianza no liderado colectivo do Grupo dos 20 no ámbito dos dereitos humanos.”
Amnistía Internacional advertiu que un “Novo Acordo” mundial sobre dereitos humanos debe rexeitar un enfoque selectivo destes dereitos. Os líderes mundiais non resultarán cribles nin eficaces se non se enfrontan ás súas diferentes modos de medir e ás súas propias manchas nos seus historiais de dereitos humanos.
“Acollemos con satisfacción a decisión do presidente Obama de pechar Guantánamo e rexeitar a tortura. Instámoslle a que contribúa a garantir que os responsables son postos a disposición xudicial. A rendición de contas reforzar a seguridade global e a autoridade moral de Estados Unidos, non as debilitará”, dixo Irene Khan.Sinalando que a crise de dereitos humanos creou unha perentoria necesidade de cambio, Irene Khan anunciou o lanzamento da nova campaña mundial de Amnistía Internacional Esixe Dignidade para combater os abusos contra os dereitos humanos que xeran e agudizan a pobreza.
“A nosa primeira petición nesta nova campaña vai dirixida a Estados Unidos e China. Estados Unidos non acepta a idea de dereitos económicos, sociais e culturais e China non respecta os dereitos civís e políticos. Ambos gobernos deben subscribir todos os dereitos humanos para todas as persoas”, afirmou Irene Khan. “As solucións aos problemas mundiais deben basearse en valores mundiais de dereitos humanos. E os máximos líderes mundiais deben comezar dando exemplo.”

INFORME 2009 DE AMNISTÍA INTERNACIONAL

O Informe 2009 de Amnistía Internacional, avaliación da organización do estado dos dereitos humanos no mundo, percorre a evolución destes dereitos en 157 países desde xaneiro a decembro de 2008. No prólogo deste documento analízase o impacto da crise mundial e outros acontecementos no ámbito dos dereitos humanos. O informe conta con resumos rexionais nos que se sinalan exemplos de privación, exclusión, inseguridade e voces silenciadas.A campaña Esixe Dignidade de Amnistía Internacional terá como obxectivo:
- empoderar ás persoas que viven na pobreza para que esixan os seus dereitos.
- pedir a rendición de contas de gobernos e axentes económicos polos abusos cometidos.
- facer que as iniciativas para a erradicación da pobreza se centren nos dereitos humanos.
A campaña centrarase en:
- os asentamentos precarios, pedindo a fin dos desaloxos forzosos.
- a mortalidade materna, e o dereito das mulleres á saúde sexual e reprodutiva.- as industrias extractivas, esixindo que as empresas rendan contas dos seus abusos contra os dereitos humanos.
- o respecto de todos os dereitos humanos e a petición de que Estados Unidos ratifique o Pacto Internacional de Dereitos Económicos, Sociais e Culturais e que China ratifique o Pacto Internacional de Dereitos Civís e Políticos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario