Asociación Naturalista "Baixo Miño" (ANABAM)
A Guarda
O vertido de augas residuais en certos puntos da rede de sumidoiros guardesa, é un mal endémico que vimos arrastrando dende o mesmo día en que se puxo en funcionamento a mesma. Dende ANABAM denunciamos en varias ocasións estes feitos, e mesmo falamos con responsables da empresa que realizou as obras. Pero nin o Servicio provincial de Costas, o alcantarillado pasa -pensamos que ilegalmente- pola zona de dominio público, mesmo é unha zona inundable a onde chegan as preamares; nin Medio Ambiente da Xunta de Galicia, nin o Concello guardés, parecen estar preocupados por esta situación que se produce un día sí e outro tamén. Milleiros de litros vértense directamente á canle do Miño, en plena zona ZEPA (Zona de Especial Protección de Aves), diante dun dos observatorios ornitolóxicos, o do Forno do Duque, polo que o espectáculo e a imaxe que exportamos diante das persoas que se achegan ata esta paraxe ¿natural? é lamentable. Así que, novamente, temos que traer a esta web os vertidos de augas residuais que durante varias semanas estiveron saíndo ao río (e iso que non chovía, porque cando isto sucede case que nun 99% das veces, os vertidos se producen). ANABAM estudia presentar diante dos organismos responsables a eliminación da rede de sumidoiros desta zona e solicitar que se leve por onde estaba contemplada no proxecto orixinal: isto é, subir pola estrada do Forno do Duque para continuar polo camiño de Lañares. No seu día, técnicos do Servicio de Costas e da empresa construtora, manifestaron a ANABAM, ante as reticencias do responsable desta asociación, que non habería problemas neste senso, que os sumidoiros serían totalmente estancos e mesmo que se realizarían previamente probas para comprobar a estanquidade da rede. Ou se equivocaron (cousa difícil de crer, xa que son técnicos) ou nos enganaron, cousa máis probable.
Fonte: Anabam
Ningún comentario:
Publicar un comentario