Amosando publicacións coa etiqueta SLÁLOM. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta SLÁLOM. Amosar todas as publicacións

25 de set. de 2011

DUMBRÍA

OS TEIXUGOS PECHAN A TEMPADA 2011 EN DUMBRÍA CON 5 MEDALLAS

Informa (Texto e fotos): Rosa Fernández / Dumbría


Este domingo celebrouse en Dumbría o Campionato Galego de Slálom, a última competición desta tempada 2011. Participaron deportistas das categorías cadete, xunior, senior e veteranos.

Os Teixugos acudiron con 15 deportistas de diferentes idades, que participaron nas categorías de C1 e K1, catro deles participaron como abridores, e dicir que realizaron o circuíto pero non puntuaron nin recibiron medallas ao ser de categoría infantil.
Todos os deportistas fixeron un gran esforzo, xa que dobraron categoría, o que lles supuxo catro baixadas, dúas en C1 e dúas en K1.
Das cinco medallas conseguidas, unha foi de ouro para Guillermo Martínez en K1 Home Senior; dúas de prata, unha para Andrea González en K1 Muller Cadete e outra para Nicolas Ruedas en K1 Home Senior; e dúas de bronce para Pablo Pousa en K1 Home Veteranos e Víctor González en C1 Homes Xuvenil.
Na clasificación xeral por equipos o Club Deportivo Miño-Teixugos conseguiu un meritorio segundo posto, por detrás do Club de Piragüismo Tea de Mondariz.
Para rematar a xornada tivo lugar unha pequena competición de patrullas, na que os Teixugos participaron con tres equipos. Esta é unha modalidade nova e moi vistosa, que empeza a ser frecuente en tódolos campionatos, tanto de Galicia como de España. O percorrido é o mesmo que o de slálom, o mesmo que as normas, so que os piragüistas baixan en equipos de tres, tomándose o tempo entre o primeiro que sae e o último que entra na meta.

31 de ago. de 2011

MONFORTE DE LEMOS


O CLUB DEPORTIVO-TEIXUGOS MIÑO, SEGUNDO NO CAMPIONATO GALEGO DE PROMOCIÓN DE SLÁLOM


Informa ((Fotografías e texto): Rosa Fernández / Monforte de Lemos


O pasado domingo cerrouse en Monforte de Lemos a tempada de Promoción de Slálom 2011 co Campionato Galego. Na promoción, como xa aclaramos noutras ocasións compiten os deportistas máis pequenos de cada club.
O medalleiro do club tomiñés quedou da seguinte maneira: Clara González acadou ouro na categoría K1 Muller Alevín; Marina Ruedas ouro en K1 e prata en C1 Muller Infantil; Claudia Otero prata en K1 e bronce en C1 Muller Infantil; Brais Castro bronce en C1 e K1 Home Infantil; e Manuel Ochoa prata en K1 Home Infantil. Na clasificación xeral por equipos Os Teixugos acadaron o segundo posto por detrás do Club de Piragüismo Municipal de Dumbría.
Ata o ano que ven os máis pequenos xa non terán máis competicións, aínda que seguirán adestrando moi duro cada semana para superarse o ano que ven. A vindeira e ultima cita da tempada co Slálom será a finais de setembro en Dumbría onde se celebrará o Campionato Galego, esta vez das categorías superiores.


Galería de imaxes

21 de ago. de 2011

DUMBRÍA

5ª COPA GALEGA DE PROMOCIÓN DE SLALOM EN DUMBRÍA



Informa (fotografía e texto): Rosa Fernández / Dumbría


O sábado día 20 celebrouse na localidade coruñesa de Dumbría a 5ª Copa Galega de Promoción de Slálom, na que compiten nenos e nenas das categorías Infantil (nacidos nos anos 1998 e 1997), Alevín (nacidos nos anos 1999 e 2000) e Benxamín (nacidos nos anos 2001 e 2002).


O Club Deportivo Miño acudiu con cinco nenos e tres nenas a este campionato. Os da categoría infantil participaron por partida dobre, pois fixérono na categoría K1, reman en kaiak, van sentados e o remo ten dúas pas e en C1, na que reman en canoa, van de xeonllos e o remo so ten unha pa.
O club de Tomiño conseguiu ao remate da competición da tarde tres medallas de ouro, para Claudia Otero en C1 Infantil, Marina Ruedas en K1 Infantile Víctor Rodríguez en K1 Alevín; tres de prata para Marina Ruedas en C1 Infantil, Claudia Otero en K1 infantil e Brais Castro en K1 infantil e catro de bronce para Clara González en K1 Alevín, Marco Patiño en K1 Alevín, Manuel Ochoa en K1 Infantil e Brais Castro en C1 Infantil.
Na clasificación xeral por equipos os Teixugos remataron na segunda posición por detrás do club anfitrión, o Club Deportivo Municipal Piragüismo Dumbría.
A tempada de Promoción de Slálom 2011 rematará a vindeira fin de semana en Monforte de Lemos onde se celebrará o Campionato Galego de promoción de Slalom.
Premer eiquí para acceder á galería de imaxes.


Para olla-los vídeos desta e outras competicións, premer eiquí.


31 de xul. de 2011

CALDELAS

OS TEIXUGOS GAÑAN A 4º COPA GALEGA DE PROMOCIÓN DE SLÁLOM



Os Teixugos amosando súa satisfacción por este novo éxito deportivo


Informa (fotografías e texto): Rosa Fernández / Caldelas


Este domingo celebrouse na localidade de Caldelas a 4ª Copa Galega de Promoción de Slálom, na que o Club Deportivo Miño-Teixugos acadou a primeiro posto por equipos. A nivel individual os máis novos do club conseguiron cinco ouros, que foron para Clara González en K1 Muller Alevín; Marina Ruedas en C1 e K1 Muller Infantil; Marco Patiño en K1 Home Alevín, e Brais Castro en K1 Home Infantil. Unha prata para Claudia Otero en C1 Muller Infantil e tres bronces para Claudia Otero en K1 Muller Infantil, Víctor Rodríguez en K1 Home Alevín e Manuel Ochoa en C1 Home Infantil.
O vindeiro fin de semana acudirán os de categoría infantil ao Campionato de España que se celebrará en Ponts na provincia de Lleida, onde acadar unha medalla será unha difícil tarefa dado o alto nivel dos participantes.