A CIG de Vigo chama a participar na manifestación que sairá da Dobrada o día da folga xeral ás 12:00 horas
• Responsábeis do sindicato na comarca anunciaron hoxe a mobilización en rolda de prensa
Infogauda/Vigo
O secretario comarcal da CIG de Vigo, Alberto Gonçalvez, compareceu hoxe en rolda de prensa xunto á responsábel de Organización do sindicato na comarca, Raquel Pérez, para ofrecer os detalles da mobilización convocada na cidade con motivo da folga xeral do vindeiro 11 de novembro. Unha xornada de loita que na bisbarra viguesa terá o seu punto central na manifestación que partirá dende a Dobrada ás 12:00 horas baixo o lema ‘Galiza en loita por unha vida digna’.
INTERVENCIÓN ÍNTEGRA DO SECRETARIO COMARCAL DA CIG-VIGO:
Convocamos esta folga xeral porque a clase traballadora galega está a atravesar unha situación de verdadeira emerxencia social. Estamos a sufrir un empobrecemento xeneralizado provocando que se fai notar en moitísimos fogares. A suba imparábel dos prezos dos alimentos, da electricidade e dos combustíbeis está a afogar a milleiros de familias mentres os salarios continúan conxelados ou sen capacidade de recuperar o poder adquisitivo perdido.
A isto súmase unha crise sen precedentes no acceso á vivenda, que deixou de ser un dereito para converterse nun negocio especulativo puro e duro. Na cidade de Vigo, os alugueiros subiron máis dun 70% na última década, mentres se executan de media catro desafiuzamentos cada semana sen que se ofreza ningunha alternativa habitacional.
Queremos deixalo moi claro: isto non é unha crise, é un saqueo. É unha transferencia directa de rendas desde os petos das traballadoras e dos traballadores cara ás mans do capital. Mentres as familias non chegan a fin de mes, o IBEX 35, as grandes enerxéticas, a banca e as cadeas da grande distribución alimentaria rexistran beneficios récord e cifras astronómicas nunca vistas. Cómpre dicilo con total claridade e firmeza: a suba dos prezos ten que pagala o capital.
Fronte a esta realidade, que fan os gobernos? O Goberno español limita a súa actuación a parches e medidas “anticrise” absolutamente insuficientes. Pola súa banda, a Xunta do PP mantén unha actitude de inacción, pasividade e complicidade absoluta co gran capital, máis preocupada en criminalizar a clase traballadora co absentismo que en salvar os nosos servizos públicos, a sanidade ou o ensino, que están a destruír coas súas políticas privatizadoras.
E por se isto fose pouco, asistimos a unha deriva reaccionaria e belicista. Preténdese que aceptemos sen máis que se dispararen os orzamentos militares até os 80.000 millóns de euros para financiar as guerras imperialistas da OTAN mentres se desmantelan os servizos públicos básicos. Desde a CIG dicimos alto e claro que esiximos que non se destine nin un euro máis á guerra e que eses recursos se utilicen para protexer as persoas e investir na nosa sanidade, educación e dependencia.
Por todo isto, exiximos a aprobación urxente dun Plan de Choque real. Un plan que inclúa:
-Un Salario Mínimo Interprofesional de 1.375 euros mensuais.
-A intervención pública de sectores estratéxicos como o enerxético e o financeiro.
-A creación da Tarifa Eléctrica Galega e unha Empresa Pública Galega de Electricidade para deixar de pagar a luz a prezos de ouro sendo Galiza un país produtor.
-A conxelación de alugueiros e hipotecas, a prohibición dos desafiuzamentos e a posta a disposición social das vivendas da SAREB.
-O fortalecemento dos servizos públicos e o impulso da negociación colectiva con cláusulas de revisión vinculadas ao IPC.
A diferenza doutras organizacións sindicais estatais, de moqueta e concertación, a CIG non convoca esta folga para facer un amago, nin para salvarlle a cara a ningún goberno. A CIG non simul nin escenifica, damos resposta. Levamos meses mobilizándonos nas rúas e nas empresas porque sabemos que os dereitos non se regalan, conquístanse coa loita!
A folga xeral do 11N ten que ser un paro total no conxunto de Galiza e moi especialmente nesta comarca de Vigo. Chamamos ás traballadoras e traballadores, á mocidade, ás pensionistas e a todo o pobo a parar a produción, a pechar os centros de traballo e a encher masivamente as rúas.
O 11 de novembro, ás 12:00 horas, todas e todos á Dobrada en Vigo. É o momento de dicir basta, de pasar á ofensiva e de demostrar a forza imparábel da clase traballadora galega.
Ningún comentario:
Publicar un comentario