Tui acende o seu Camiño do Nadal
• Do 5 de decembro ao 5 de xaneiro desenvolverase un amplo programa festivo co Mercado de Nadal, o Bosque Máxico de Papa Noel, e diversos concertos
Infogauda/Tui
Tui prepárase para percorrer o Camiño do Nadal do 5 de decembro ao 5 de xaneiro. Durante un mes a cidade vestirase de luz, maxia, agarimo, momentos compartidos, e do espírito do Nadal. Será grazas á diversa programación prevista na que a música, a tradición, a creatividade, serán elementos destacados.
O acendido da iluminación, o sábado 5 ás 18.30 h, marcará o inicio deste Camiño do Nadal cun acto simbólico na praza da Inmaculada. Miles de luces led darán un brillo especial as rúas e prazas da cidade preparadas para compartir unhas datas tan especiais.
Unha nova edición do Mercado de Nadal, na praza da Inmaculada e no Paseo da Corredoira, contará cunha veintena de postos con artesanía, gastronomía, decoración e agasallos.
Unha das novidades deste ano será o Bosque Máxico de Papa Noel que transformará o interior do edificio da praza da Inmaculada nunha pequena Laponia onde os elfos compartirán actividades con nenos e nenas e mesmo está prevista a visita de Papa Noel.
A música estará moi presente tanto nas rúas coma no Espazo Sociocultural e no Teatro Municipal. A Rondalla O Mosteiro de Pexegueiro, o III Certame de Coros Escolares do Concello de Tui, o Concerto de Nadal do Conservatorio, Concerto de Nadal da Eurocidade, o Concerto de Nadal da Escola da Banda de Música de Tui, o Concerto de Nadal da Big Band do Conservatorio, e os concertos das corais do Centro Sociocomuntiario, Ponte das Febres e San Telmo, achegarán un repertorio repleto de panxoliñas e de composicións vinculadas a estas datas. Tamén terá lugar o espectáculo “Os Segredos da pedra” de Paula Cobián Escola de Danza con Ángel Giráldez, solista do Ballet Nacional de Letonia, coma convidado será outra das citas do Nadal.
E non faltan as tradicións coma a exposición de Beléns do Mundo na capela das Reliquias na Catedral, ou o Belén de Mingos na Oficina Municipal de Turismo.
A solidaridade formará parte tamén da programación cunha nova edición da Árbore dos Desexos. Volverá a Tui o Carrusel de Nadal, e o Tren Turístico unirá Tui e Valença nestas datas.
Celebrarase a II Papanoelada Moteira o domingo 13, a V San Silvestre Solidaria o xoves 31, e os obradoiros infantís na Biblioteca Municipal nas mañás do luns 28, martes 29, mércores 30 de decembro e luns 4 xaneiro
A programación culminará coa Cabalgata Internacional de Reis na que Melchor, Gaspar e Baltasar volverán percorrer as rúas de Valença e Tui compartindo a súa maxia, e rematando coa recepción real no Teatro Municipal.
O 800 aniversario da Consagración da Catedral de Tui, e importancia de Tui no Camiño Portugués ante a celebración dun novo Ano Santo, estarán tamén moi presentes nesta programación, que contribuirá a difusión e promoción do patrimonio histórico, cultural e natural que Tui posúe.

Ningún comentario:
Publicar un comentario