A obra de Antúnez Pousa reúne a veciñanza na Casa da Cultura de Tomiño
• A exposición «Antúnez. Materia, forma e territorio» poderá visitarse de luns a venres de 17.00h a 20.00h e os sábados e domingos de 11.00h a 14.00h e de 17.00h a 20.00h.
Infogauda/Tomiño
A Casa da Cultura de Tomiño acolleu este venres, 6 de novembro, a apertura de «Antúnez. Materia, forma e territorio», unha exposición dedicada ao escultor de Estás, José Antúnez Pousa, coa que o antigo cine retomou a súa actividade cultural tras a rehabilitación do edificio. O encontro reuniu a veciñanza arredor da obra dun dos pioneiros da escultura no municipio e contou coas intervencións da alcaldesa, Sandra González, da muller do artista, Chelo, da súa filla, Alba, e da comisaria da mostra, Liliya Pobornikova.
A participación da familia de Antúnez acompañou a presentación dunha exposición que permite coñecer a súa relación coa pedra, coa paisaxe e coa tradición da cantería da que o artista procede. O comisariado corre a cargo de Liliya Pobornikova, escultora afincada en Tomiño cunha ampla traxectoria internacional e participación en encontros de creación escultórica de numerosos países, que achega a esta proposta a súa experiencia como artista.
Procedente dunha familia de canteiros, Antúnez transformou o coñecemento do oficio nunha linguaxe propia, explorando as posibilidades do granito a través das curvas, dos ocos e das texturas. A mostra convida a descubrir esa capacidade de dar novas formas e expresividade a un material moi presente nas construcións das parroquias de Tomiño, ao tempo que sitúa o seu traballo na tradición artística dun concello ligado á escultura, á pintura e á artesanía.
Na súa intervención, Sandra González lembrou o significado de volver a un edificio que forma parte da memoria de distintas xeracións, desde quen o coñeceu como cine ata a mocidade que o utilizou como aula de estudo, e destacou a relación entre esa historia compartida e a súa función como lugar de encontro arredor da cultura. «Falar de Antúnez é recoñecer un dos pioneiros da escultura nun concello coma o noso, onde a arte e os artistas teñen tanto peso», sinalou a alcaldesa, que animou a achegar a súa obra ás novas xeracións para que descubran tamén a creación artística vinculada a súa propia contorna.
A apertura desta exposición tamén vai ligada á reapertura da propia Casa da Cultura, a cal exprimentou unha rehabilitación que incluíu actuacións no illamento, na ventilación e na climatización, así como na renovación dos aseos e na mellora da acústica para os seus usos culturais.
A mostra poderá visitarse de luns a venres, de 17.00 a 20.00 horas, e os sábados e domingos, de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.00 horas, polo que o Concello anima a veciñanza a achegarse e coñecer a obra de Antúnez Pousa.
Ningún comentario:
Publicar un comentario