Carme da Silva apela a un último empurrón para conseguir un BNG forte que faga valer Galiza en Madrid
• A candidata pide á cidadanía que sexa “o algoritmo” do Bloque para multiplicar o apoio á única candidatura que defende os intereses do país
Fotos: BNG
Infogauda/Pontevedra
A candidata do BNG ao Congreso, Carme da Silva, chamou hoxe a mobilizar todos os apoios na recta final da campaña electoral para conseguir que o 29N Galiza conte cunha representación forte do BNG en Madrid. No mitin celebrado en Redondela apelou a todas as persoas que queren que o país teña voz propia forte a facer un último esforzo nos días que restan, trasladando a mensaxe do BNG ás persoas da súa contorna e contribuíndo a multiplicar o voto nacionalista. “Pedímosvos que sexades o noso algoritmo, que faledes cos veciños, coas veciñas, con todas as persoas próximas para que o 29 de novembro Galiza conte e se faga valer se votamos masivamente ao Bloque Nacionalista Galego”, afirmou.
Da Silva subliñou que nestas eleccións están en xogo os dereitos das galegas e galegos como pobo e a capacidade de decidir sobre cuestións que condicionan directamente a vida diaria e o futuro do país. “En Madrid decídense moitísimas cousas que nos afectan e é importante que nesas decisións teñamos forza para influír e para poder decidir en función do que nos interesa aos galegos e ás galegas, e que non se tomen as decisións en función do que interesa en Madrid”, sinalou.
Lembrou que nas Cortes decídense cuestións fundamentais como as pensións, o financiamento dos servizos públicos, as políticas de vivenda, as infraestruturas ou a mobilidade ferroviaria, e reivindicou unha representación galega que defenda estas necesidades sen subordinar os intereses do país a outras prioridades, adoptando solucións propias para unha realidade galega que é moi diferente á como a ven e a queren atallar dende os despachos madrileños. “Temos das pensións máis baixas do Estado. Galiza está discriminada no financiamento dos servizos públicos. Hai que poñer fin a esa discriminación”, salientou.
No caso de Redondela, Carme da Silva puxo o foco en dúas reivindicacións fundamentais para o municipio e a súa contorna: a implantación do tren de proximidade e a eliminación das peaxes da AP-9. Defendeu a necesidade de avanzar nunha rede ferroviaria que responda ás necesidades reais de mobilidade da veciñanza e permita desprazarse en transporte público con garantías fronte a un modelo que condena a depender do coche. Neste sentido, lembrou que foi o Bloque quen conseguiu introducir na Lei estatal de Mobilidade a obriga de elaborar un estudo sobre a situación e as necesidades galegas con respecto ao tren, fronte ao intento do PP de eliminar da propia lei todas as referencias a Galiza.
Tamén reivindicou unha AP-9 de titularidade galega e libre de peaxes. Lembrou que Redondela está especialmente afectada por esta infraestrutura, que supón unha barreira que xera moitos problemas para a vila, e foi contundente: “Temos que rematar coa estafa”. Salientou que grazas á presión do BNG no acordo de investidura conseguíronse bonificacións para as persoas usuarias recorrentes do 75%, chegando ao 87,5% no treito entre Vigo e Tui. “A AP-9 xa a pagamos moitas veces. Agora precisamos máis forza, dar un salto que nos permita ter máis peso político e condicionar as decisións que se tomen dende Madrid para que as decisións sobre ela se tomen dende Galiza. Non pode haber máis escusas”, subliñou.
Por todo isto, Da Silva chamou a concentrar o voto no BNG para garantir unha voz propia, reivindicativa e útil nas Cortes, lembrando que cada escano que gañe o Bloque é un escano menos para a dereita e para as forzas que non defenden os intereses galegos. “Temos que ter capacidade para poder decidir e para iso temos que ter máis deputados e deputadas, porque aínda que en Galiza escóllense 23 deputados e 16 senadoras, o BNG é a única forza que representa os intereses do país, a única que realmente representa e loita por Galiza”, concluíu.


Ningún comentario:
Publicar un comentario