6 de nov. de 2026

PONTEVEDRA

A Deputación reparte 300.000 euros entre 162 agrupacións musicais da provincia para adquirir e reparar instrumentos e vestiario propio 

•   A convocatoria, dotada con 100.000 € máis que o pasado ano, está dividida en dúas liñas: a de adquisición, dotada con 250.000 €, e a de reparación, con 50.000 € 


Participantes na Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra, celebrada este venres
Foto: Rafa Estévez

Infogauda/Pontevedra

 O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, informou este venres do reparto dos 300.000 euros, 100.000 euros máis que o pasado ano, da liña de axudas destinada ás agrupacións e grupos musicais sen fins de lucro da provincia, que chegou este ano á súa segunda edición. En total, son 162 as entidades de 49 concellos que poderán empregar os recursos para a adquisición e a reparación de instrumentos musicais e vestiario propio.  

 A liña está dividida en dúas categorías. Na primeira, destínanse 250.000 euros para que un total de 153 entidades de 47 concellos poidan adquirir instrumentos e vestiario con achegas de entre 260 e 3.000 euros, mentres que na segunda, dotada de 50.000 euros, outras 41 entidades (32 delas tamén son beneficiarias da primeira liña) de 26 concellos poderán reparar instrumentos e vestiario a través de axudas que oscilan entre os 100 e 2.300 euros.

 Estas axudas teñen por obxectivo apoiar unhas entidades que coa súa acción contribúen á preservación do patrimonio inmaterial e á transmisión das tradicións galegas. Deste xeito, permítese reforzar o tecido asociativo cultural da provincia de Pontevedra e contribuír á conservación e difusión do patrimonio inmaterial de Galicia.

Ningún comentario:

Publicar un comentario