A Xunta reivindica o labor de Cela na proxección e dignificación da literatura galega cunha mostra do 70 aniversario da revista ‘Papeles de Son Armadans’
• López Campos considera “de xustiza” esta iniciativa que reflicte a “relevante contribución” do Nobel por darlle “espazo e voz” aos escritores galegos no exilio
• O proxecto, que pode verse ata febreiro de 2027, exhibe fotografías, debuxos e manuscritos vencellados coa publicación, da que foi creador e editor o autor de ‘La Colmena’ desde 1959 ata o seu peche en 1979
Infogauda/Padrón (A Coruña)
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, participou hoxe en Padrón na apertura, na Casa Museo Camilo José Cela, da exposición Unha rede feita de papel. 70º aniversario de Papeles de Son Armadans coa que a Xunta conmemora o 70 aniversario do nacemento desta revista, creada e editada polo Nobel galego, “e na que foi encomiable o seu labor de proxección e dignificación da literatura galega e das actuais linguas cooficiais”.
Por estes motivos, o titular de Cultura do Goberno galego considerou “de xustiza” esta mostra na Casa Museo de Cela para recoñecer institucionalmente a “relevante contribución” do escritor de Iria Flavia “para que a excelsa calidade das nosas letras, dos nosos autores e da nosa lingua non quedase esmorecida polo exilio ou a censura da ditadura”. Así, puxo en valor a “polifonía lingüística e a dignificación literaria” pola que apostou durante os anos de existencia da revista, de 1956 a 1979, “dándolle espazo e voz ao galego e ao resto de linguas ás que, naquela época, se lles negaba o recoñecemento oficial”.
Desta forma, López Campos subliñou como esta exposición reflicte o total compromiso de Cela en acadar que en Papeles de Son Armadans puidesen publicar figuras senlleiras da nosa literatura como Celso Emilio Ferreiro, Xosé Neira Vilas, María do Carmen Kruckenberg, Aquilino Iglesia Alvariño, Ricardo Carvalho Calero, Uxío Novoneyra, José Ángel Valente, Manuel María, entre outros moitos, xunto autores en catalán ou en éuscaro.
Ademais, o representante da Xunta salientou a “rede, comunidade e resistencia cultural adiantada ao seu tempo” que o escritor galego conseguiu a través desta publicación, “na que tiveron cabida creacións de artistas como Joan Miró e colaboracións que van desde filósofos como Maria Zambrano, a poetas como Rafael Alberti, Cernuda ou Jaime Gil de Biedma, músicos como Jesús Bal y Gay ou xornalistas como o galego Ben-Cho-Shey”.
Fotografías, correspondencias, debuxos e obxectos persoais
Acompañado na apertura da mostra polo director xeral de Cultura, o conselleiro animou a visitar a exposición para, a través das correspondencias, fotografías, manuscritos, debuxos, textos, obxectos persoais e documentación, “tomar consciencia da relevancia da creación, hai 70 anos, dunha revista imprescindible para a resistencia nesa época da diversidade literaria e lingüística da España e da teimosía e compromiso con este propósito dun dos nosos escritores máis universais”.
Deste xeito, na mostra, que pode verse ata febreiro do vindeiro 2027, exhíbense a carta de Camilo José Cela a Vicente Aleixandre anunciándolle a saída da revista e solicitando a súa colaboración, o mural realizado polo pintor mallorquino Pau Fornés para ilustrar a redacción de Papeles de Son Armadans na casa do Nobel en Palma de Mallorca, debuxos e dedicatorias manuscritas de Pablo Picasso, Antonio Saura ou Joan Miró, entre outros moitos materiais.

Ningún comentario:
Publicar un comentario