A Deputación impulsa o programa PONTEESCENA para levar o teatro afeccionado a toda a provincia
• Jorge Cubela destaca o compromiso provincial coa descentralización cultural e o apoio ás compañías galegas cunha achega de 8.000 euros a FEGATEA para que desenvolva este circuíto, que chegará a 12 concellos
Infogauda/Pontevedra
A Deputación de Pontevedra impulsa PONTEESCENA, un programa promovido pola Federación Galega de Teatro Afeccionado (FEGATEA) que levará 12 representacións teatrais a outros tantos concellos da provincia ata o mes de decembro. O deputado de Cultura, Jorge Cubela, presentou hoxe este programa no Pazo Provincial e destacou a importancia de achegar a actividade cultural a todo o territorio. «Na Deputación defendemos que a cultura ten que chegar a todos os recunchos da provincia, para que todas as nosas veciñas e veciños, vivan onde vivan, teñan acceso a unha programación cultural de calidade, diversa e próxima», sinalou.
O programa busca, ademais, apoiar e dar visibilidade ao traballo das compañías de teatro afeccionado galegas, facilitando que poidan saír do seu ámbito habitual, chegar a novos públicos e compartir as súas creacións con espectadores doutras localidades. «O teatro afeccionado é unha parte fundamental do noso tecido cultural e asociativo», afirmou o deputado, que tamén puxo en valor o esforzo e a ilusión das persoas que manteñen viva esta actividade. A iniciativa desenvólvese coa colaboración de FEGATEA, encargada da coordinación artística e técnica, e dos concellos participantes, que facilitan os espazos e o apoio necesario para as representacións. Para Cubela, esta cooperación é esencial para «facer chegar a cultura a todo o territorio» e fortalecer a actividade cultural nos municipios.
A programación arrancou o pasado 31 de outubro en Cangas de Morrazo, coa representación de “Crisálidas”, a cargo do grupo Atrezo. O circuíto continuará o 7 de novembro en Sanxenxo con “Sombras na noite”, de Chumpa, e o 8 de novembro no Porriño con “Vivir con Huntington”, de Trasno; en Mondariz con “Para o amor nunca é tarde”, de Rueiro, e en Moraña con “Desfacendo Hamlet”, de Desfeita. O 21 de novembro haberá funcións en Mos, con “As nenas raras non van ao ceo”, de Disfunción Continua; en Salvaterra de Miño, con “Pantasmas”, de Avelaiña, e en Nigrán, con “A cova das mil mulleres”, de Escoitade. O 28 de novembro o programa chegará á Guarda con “Que farían sen min”, de Porta Aberta, e a Forcarei con “A trenza dos feitos amargos”, de Teatro Aberto. Finalmente, o 5 de decembro, o circuíto rematará no Campo Lameiro con “Aquí as fabas a caldeiradas”, de Abázcaro, e en Ponteareas con “Silencio!”, de Atrezo.

Ningún comentario:
Publicar un comentario