O COLECTIVO BAIXO MIÑO CON PALESTINA DENUNCIA ACTOS VANDÁLICOS
• Contra as iniciativas artísticas a prol dos dereitos humanos
Baixo Miño con Palestina
Dende Baixo Miño con Palestina queremos denunciar públicamente a escalada e reiteración de actos vandálicos contra as iniciativas artísticas a prol dos dereitos humanos que estamos a impulsar na comarca. Dende o inicio da nosa actividade recibimos ataques de maneira continuada, que están a intensificarse nos últimos meses.
Cronoloxía dos ataques
4 de decembro de 2025: vandalízase o mural “Dende o río ata o mar, Palestina libre” mediante o lanzamento de botes de pintura. A obra é un deseño da artista rosaleira Sara Vicente, realizado colectivamente pola veciñanza solidaria.
29 de xuño: vandalízanse as bandeiras palestinas colocadas no Memorial dos Calcetíns, unha instalación artística que lembra as nenas e nenos asasinados en Gaza.
6 de agosto: o mural “Dende o río ata o mar, Palestina libre” é novamente vandalizado, neste caso con sprays.
21 de outubro: atácase o mural “Todos os ollos en Palestina”, deseñado e elaborado colectivamente, substituíndo a palabra “Palestina” por “España”.
14 de novembro: ambos os murais, “Dende o río ata o mar” e “Todos os ollos en Palestina”, amencen vandalizados con sprays. Ademais, ao longo desta semana “desapareceron” as faixas colocadas no vial polo CS Fuscalho que levaban a mensaxe “Migrar é un dereito, como ter un teito”.
Estes actos non son feitos illados. Acompáñanse de mensaxes e acusacións propias do discurso da extrema dereita, con insultos e expresións como “invasión”, que buscan deshumanizar e deslexitimar calquera expresión de solidariedade. Este tipo de retórica crea narrativas e percepcións de hostilidade e intolerancia que teñen consecuencias reais na convivencia. Os murais e as instalacións atacadas son froito do traballo colectivo de veciñas e veciños que decidiron expresar en común o seu compromiso coa defensa dos dereitos humanos. Estas intervencións artísticas foron realizadas de forma participativa, voluntaria e desinteresada, polo que cada ataque non só danifica unha obra artística, senón tamén o esforzo e a implicación da comunidade que a fixo posible ademais do absoluto desprezo polas vítimas reais do que denuncian estas iniciativas.
Dende Baixo Miño con Palestina reunirémonos para explorar posibles solucións e respostas a esta onda de agresións. Anunciaremos no seu momento a data desta reunión e chamamos a veciñanza a participar da mesma.
Viva a loita do pobo palestino!
Viva a solidariedade entre os pobos!




Ningún comentario:
Publicar un comentario