A Agrupación Musical do Rosal celebrará Santa Icía
• O vindeiro sábado 28 de novembro, ás 19:00 horas, no Auditorio do Rosal
Infogauda/O Rosal
A Agrupación Musical do Rosal celebrará o vindeiro sábado 28 de novembro, ás 19:00 horas, o seu tradicional Concerto de Santa Icía no Auditorio do Rosal. A actuación marcará o regreso da formación a este escenario tras a súa participación no World Music Contest, de Kerkrade, o pasado mes de agosto e servirá tamén para dar a benvida aos novos músicos que se incorporan á banda titular, procedentes maioritariamente da Banda da Escola.
Baixo a dirección de Javier Alonso Pérez, a formación presentará unha proposta musical diferente á dos últimos concertos, cun repertorio que supón un cambio de orientación respecto ao traballo desenvolvido durante boa parte deste 2026. Un ano no que a banda estivo especialmente centrada na preparación e participación no World Music Contest de Kerkrade (Países Baixos), celebrado o pasado mes de agosto, no que acadou o cuarto posto na Concert Division, a máxima categoría do certame.
O concerto contará coa participación especial de Dawid Seidenberg, trombón da Orquestra Sinfónica do Porto, que intervirá como solista nunha das obras do programa. A súa presenza ten tamén un significado especial para a Agrupación, xa que mantén unha estreita relación coa formación desde hai moitos anos, colaborando con ela en diferentes concertos e certames.
Outra das propostas destacadas da tarde será a interpretación de dúas composicións do músico e compositor galego León Durán, entre elas Bodas de Sangre (2022), un poema escénico para banda sinfónica inspirado na coñecida obra de Federico García Lorca. A elección desta peza cobra especial interese neste 2026, cando se cumpren 90 anos do falecemento do escritor granadino e a súa figura volve estar de actualidade grazas á repercusión da película La bola negra, inspirada no seu universo literario e vital. A composición de Durán foi galardoada co primeiro premio no I Concurso Internacional de Composición Emili Giménez Bou. Será a primeira vez que se escoiten no Rosal dúas obras deste compositor.
Ao remate do concerto realizaranse varios sorteos entre o público asistente. Para participar, cada persoa recibirá unha rifa grautíta á súa chegada ao auditorio. Ademais, á saída habilitarase unha taquilla inversa para aquelas persoas que desexen colaborar coa Agrupación en futuros proxectos.

Ningún comentario:
Publicar un comentario