25 de nov. de 2026

EMPREGO

O Concello do Rosal convoca un proceso selectivo para a creación dunha bolsa de emprego de técnico/a de Urbanismo   

•  As persoas interesadas dispoñen de 10 días hábiles a partir deste 26 de novembro para presentar as súas solicitudes  


Casa do Concello do Rosal
Foto: CdoR

Infogauda/O Rosal 

 O Concello do Rosal convoca un proceso selectivo para a creación dunha bolsa de traballo de técnico/a de Urbanismo (subgrupo A2), co obxectivo de garantir a cobertura temporal e áxil das necesidades de persoal municipal neste ámbito e asegurar a continuidade dos servizos prestados á veciñanza. 

 A convocatoria, publicada xa no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO), contempla o nomeamento de persoal funcionario interino principalmente para a substitución temporal da persoa titular do posto e, con carácter residual, para atender situacións de exceso ou acumulación de tarefas. Entre as funcións que desenvolverá o persoal seleccionado atópanse a realización de visitas e inspeccións de obra, o seguimento de expedientes de disciplina urbanística e outras tarefas propias do ámbito profesional do posto. 

 Poderán participar no proceso selectivo as persoas que estean en posesión ou en condicións de obter a titulación de Arquitectura Técnica (Diplomado/a en Arquitectura Técnica), Grao en Edificación, Grao en Arquitectura Técnica, Arquitectura ou outra titulación equivalente que habilite para o exercicio dalgunha destas profesións, ademais de cumprir os restantes requisitos establecidos nas bases. As persoas aspirantes deberán acreditar tamén o nivel de galego CELGA 4 ou equivalente ou, no seu defecto, superar unha proba escrita de coñecemento do idioma. 

Proceso selectivo 

 A selección realizarase mediante o sistema de concurso-oposición, cunha puntuación máxima de 100 puntos. A fase de oposición, que representará o 60% da cualificación final, consistirá nun exame tipo test de carácter teórico-práctico de 60 preguntas, cunha duración máxima de 90 minutos. 

 As persoas que superen a fase de oposición accederán á valoración de méritos, que suporá o 40% da puntuación total e na que se terá en conta tanto a formación académica complementaria como a experiencia profesional na Administración pública. 

 A bolsa de traballo terá unha vixencia máxima de tres anos desde a súa aprobación, agás que se constitúa previamente unha nova bolsa da mesma categoría ou outra que teña carácter preferente. 

Prazo e presentación de solicitudes 

 As persoas interesadas poderán presentar as súas solicitudes durante un prazo de dez días hábiles a partir deste xoves 26 de novembro, preferentemente a través da sede electrónica do Concello (https://orosal.sedelectronica.es/) ou presencialmente no Rexistro Xeral municipal, en horario de luns a venres de 09.00 a 14.00 horas, así como polas demais vías legalmente establecidas. 

 As bases completas da convocatoria, os requisitos de participación, o temario e os modelos de solicitude poden consultarse no taboleiro de anuncios da sede electrónica e no portal de transparencia do Concello do Rosal.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario