24 de nov. de 2026

DEPORTES

Belén Bascoy Cao sobe ao podio na proba popular do XXII Cross Internacional de Atapuerca 

• A atleta da Sociedade Atlética do Trega (Tomiño) rematou quinta na xeral feminina cun rexistro de 21:06 nos 5.000 metros. 

• O club tomiñés desprazouse ata Burgos cunha expedición de 13 deportistas, desde categorías de base ata máster.


Belén Bascoy Cao, atleta da Sociedade Atlética do Trega, subiu ao podio da carreira popular feminina do XXII Cross Internacional de Atapuerca
FotosSAdoT

A deportista do club tomiñés completou os 5.000 metros do percorrido nun tempo de 21:06, cruzando a liña de meta a tan só 20 segundos da cuarta clasificada

Infogauda/Redacción Deportes

 A atleta da Sociedade Atlética do Trega, Belén Bascoy Cao, subiu ao podio da carreira popular feminina do XXII Cross Internacional de Atapuerca, disputada o pasado sábado 21 de novembro en Burgos. Nunha xornada marcada polo intenso frío e a choiva, a deportista do club tomiñés completou os 5.000 metros do percorrido nun tempo de 21:06 (a un ritmo medio de 4:13 min/km), cruzando a liña de meta a tan só 20 segundos da cuarta clasificada.

 Este quinto posto na clasificación xeral feminina supuxo o mellor resultado da Sociedade Atlética do Trega ao longo de toda a fin de semana. Na mesma proba popular feminina, a súa compañeira de equipo Carla Rocha Bautista finalizou no posto 53.º cun tempo de 25:34.

Balance da xornada do sábado 

 A participación da expedición galega comezou na xornada do sábado cos 2.000 metros da categoría sub-14 feminina, na que Nadia Conejo Bascoy acadou a 29.ª praza (7:54). Na mesma distancia pero en categoría sub-14 masculina, Hugo Rodríguez Gómez rematou no posto 56.º e Martín Rodríguez Castro fíxoo no 59.º.

 A continuación, Adela Vasconcellos Rodríguez foi 25.ª na proba sub-12 feminina, mentres que Ainoa Conejo Bascoy cruzou a meta na 16.ª posición nos 800 metros da categoría sub-10 feminina. Pola súa banda, nos 5.000 metros da categoría máster masculina, Eloy Rodríguez Lorenzo logrou o 20.º posto (18:23), seguido de Sergio González Martínez, que foi 74.º (21:20), e Sergio Vasconcellos Pereira, 76.º (21:26). A carreira popular feminina puxo o peche á participación do club nesa primeira xornada.

Resultados do domingo 

 Na xornada do domingo a choiva deu unha tregua e luciu o sol, aínda que as baixas temperaturas seguiron presentes. Alba Vasconcellos Rodríguez acadou o posto 53.º (11:34) nos 2.883 metros da categoría sub-16 feminina. Sobre esa mesma distancia, pero en sub-16 masculina, Sergio Silva Souto finalizou na 27.ª posición cun rexistro de 9:50. 

 Paula Rocha Bautista encargouse de pechar a actuación da Sociedade Atlética do Trega en terras burgalesas co posto 157.º (17:28) nos 3.807 metros da categoría sub-18 feminina.

 A pesar das esixentes condicións meteorolóxicas, do frío, da choiva e das caídas e empuxóns propios dunha cita de máximo nivel, os 13 atletas do club de Tomiño lograron completar as súas respectivas carreiras.

Ningún comentario:

Publicar un comentario