O CONCELLO DE NIGRÁN CONTINÚA COAS ACTIVIDADES DO CENTENARIO DO TRANVÍA CUNHA SESIÓN DE PROXECCIÓNS HISTÓRICAS NO AUDITORIO MUNICIPAL
• O acto terá lugar este mércores 25 de novembro, ás 19:00 horas, baixo o título ‘O noso tranvía en imaxes’ e contará coa presentación de José Barral Sánchez.
• A iniciativa enmárcase na programación especial coa que o goberno local conmemora os 100 anos da liña que uniu Vigo co Val Miñor a través da Ramallosa entre 1926 e 1968.
Ricardo Rodríguez Vicente/Nigrán
O Concello de Nigrán prosegue este mércores, 25 de novembro, coa programación cultural deseñada para conmemorar o centenario da chegada do tranvía á Ramallosa. A cita consistirá nunha sesión de proxeccións de curtas e documentais históricos baixo o título ‘O noso tranvía en imaxes’, que dará comezo ás 19:00 horas no Auditorio Municipal de Nigrán (con entrada de balde ata completar a cabida).
O evento estará presentado por José Barral Sánchez, membro da asociación Enganchados do pescante. Memoria dos tranvías de Vigo, entidade que colabora activamente co consistorio nesta efeméride xunto co colectivo Resiliencia. A través deste material audiovisual, a veciñanza poderá achegarse á memoria gráfica e ao impacto social que supuxo este medio de transporte eléctrico que conectou a urbe olívica co Val Miñor desde setembro de 1926 ata finais de 1968.
Unha programación para recuperar a memoria do Val Miñor
Esta sesión audiovisual súmase ao calendario de actos impulsado polo Concello de Nigrán ao longo deste outono para poñer en valor o patrimonio ferroviario e identitario da comarca. A programación conmemorativa arrincou o pasado mes de setembro coa marcha ciclista ‘Ruta de don Marcelino’ e continuou a finais de outubro coa conferencia da historiadora María Álvarez-Blázquez sobre a transformación do Val Miñor coa chegada do ferrocarril eléctrico.
Así mesmo, o ciclo xa tivo unha primeira parada cinematográfica o pasado 12 de novembro coa proxección da película ‘Tranvía a la Malvarrosa’ nos Cines Municipais da Ramallosa. Tras a sesión documental deste mércores, os actos do centenario completaranse de cara ao Nadal cunha exposición conmemorativa que se instalará na antiga estación da Ramallosa (actual Centro da Terceira Idade).

Ningún comentario:
Publicar un comentario