3 de nov. de 2026

CULTURA

A Deputación celebra no Museo de Pontevedra o paso de Lorca pola cidade con actividades escolares, unha andaina e outras sorpresas 

•  A Semana Lorquiana celebrarase desde o martes 3 ao luns 9 de novembro 


O Colectivo Xurelo fará chegar a figura do poeta granadino aos espazos de traballo e estudo, aparecendo neles por sorpresa para dar a coñecer a súa biografía e a súa relación con Galicia

Foto: DdePO

Infogauda/Pontevedra

 O Museo de Pontevedra celebra, por oitavo ano, a Semana Lorquiana, un conxunto de actividades dedicado a lembrar as visitas de Federico García Lorca a Galicia e, en particular, as dúas visitas que realizou a Pontevedra en 1932. O programa está dirixido por Colectivo Xurelo e combina divulgación literaria, actividades escolares e percorridos pola cidade.

 A Semana Lorquiana desenvolverase desde hoxe ata o luns 9 de novembro. Do martes ao venres, realizaranse no Edificio Castelao actividades concertadas con centros escolares da provincia. O sábado 7 de novembro farase unha andaina pola cidade, co título ‘Pontevedra, cidade lorquiana’. Está dirixida a público adulto e terá a saída ás 12:00 h desde o Edificio Castelao. Percorreranse as rúas de Pontevedra imaxinando os lugares polos que pasou Federico García Lorca durante as súas visitas á cidade en 1932. A música en directo achegará a súa figura ás persoas participantes dunha maneira especial. En caso de choiva ou de condicións meteorolóxicas adversas, realizarase un percorrido polo Museo de Pontevedra, relacionando a figura de García Lorca cos fondos e autores presentes nas súas salas.

 As actividades concluirán o luns 9 de novembro pola mañá cunha proposta nova: “Lorca por sorpresa”. O Colectivo Xurelo fará chegar a figura do poeta granadino aos espazos de traballo e estudo, aparecendo neles por sorpresa para dar a coñecer a súa biografía e a súa relación con Galicia.    

Lorca en Pontevedra  

 A relación de Federico García Lorca con Galicia levouno a definirse como “poeta galego” e escribir na nosa lingua os seus 'Seis poemas galegos'. Visitou Galicia en tres ocasións, dúas delas en 1932 e en ambas pasou por Pontevedra. A primeira foi en agosto á fronte do grupo teatral La Barraca. A segunda foi en novembro, cos responsables da revista Cristal como anfitrións. En Pontevedra escribiu un fermoso soneto iniciado co verso “Yo sé que mi perfil será tranquilo”, que viu a luz publicado no número 6 de Cristal.

Ningún comentario:

Publicar un comentario