7 de nov. de 2026

ARTESANÍA

Os obradoiros Aitor Martínez, Alberto Taboada e Belategui Regueiro competirán polo premio Artesanía de Galicia 2026 

• O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, presidiu onte en Santiago de Compostela a reunión do xurado destes galardóns, no que se decidiu nomear tres finalistas do Premio Artesanía de Galicia 2026 dotado con 9.000 euros

 


Estas son as tres propostas finalistas que optarán ao Premio Artesanía de Galicia 2026
Fotos: XdeG

Infogauda/Galicia

 O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, presidiu esta semana a reunión do xurado dos Premios Artesanía de Galicia 2026, celebrada na sede da Fundación Artesanía de Galicia en Santiago de Compostela. Nesta edición, o xurado seleccionou tres propostas finalistas que optarán ao Premio Artesanía de Galicia 2026, dotado con 9.000 euros. Trátase das pezas presentadas polos obradoiros Aitor (Tomiño), especializado no torneado de madeira; Alberto Taboada (Ourense), no ámbito da xoiería; e Belategui Regueiro (Cambre), especializado no tecido en tear.   

 As/os vogais que completaron o xurado foron a subdirectora xeral de Artesanía, Entidades e Promoción Comercial, Laura Fontenla; o director do Centro Albayzín e do Centro de Referencia Nacional de Artesanía de Granada, Antonio Suárez Martín; a directora de Vilaseco, Miriam Pérez Fernández; e os artesáns Alberto Añón Corral (Buño, Malpica de Bergantiños), do obradoiro Alberto Lista, e Jonatan Sarachaga Casalderrey, do obradoiro Coiro tres pés (Pontevedra), gañadores do Premio Artesanía de Galicia 2025. Como secretaria actuou unha técnica da Fundación Pública Artesanía de Galicia  

 Tras valorar as candidaturas conforme aos criterios establecidos nas bases reguladoras, o xurado acordou por unanimidade seleccionar como finalistas do Premio Artesanía de Galicia 2026 as tres propostas que se presentan baixo os lemas Ambaxes, Choiva e Estruga.  

 A primeira delas, Ambaxes, foi presentada por Aitor Martínez López de Arbina, do obradoiro Aitor. (Tomiño), e consiste nunha peza escultórica elaborada en madeira de carballo autóctona. Pola súa banda, Choiva, do obradoiro Belategui Regueiro (Cambre), integrado por Luisa Estévez Rodríguez e Óscar Montero Lasagabaster, é unha instalación téxtil que busca evocar as diferentes formas de chover características de Galicia. Completa a selección Estruga, de Alberto Blanco Taboada, do obradoiro Alberto Taboada (Maside), unha peza de alta xoiería inspirada no litoral galego.  

 Os Premios Artesanía de Galicia, impulsados pola Xunta, teñen como obxectivo recoñecer o talento e a traxectoria dos profesionais do sector artesán galego, estimular a creatividade e contribuír á mellora da profesionalización do sector. Nesta edición tamén se concederán tres Bolsas Eloy Gesto, dirixidas a artesáns e artesás menores de 45 anos e dotadas con 4.000 euros cada unha, para investir en formación especializada.  

 O Premio Artesanía de Galicia recoñece obras que representan os valores dunha artesanía competitiva no mercado actual, como o deseño, a adaptación e a conservación das técnicas e dos valores tradicionais máis característicos da nosa artesanía, a incorporación das tendencias actuais, a innovación e a calidade do traballo.  

 Pola súa banda, o Premio Traxectoria 2026, de carácter honorífico, distinguirá un profesional cunha carreira consolidada no sector artesán galego, tendo en conta a súa contribución á posta en valor e á promoción da artesanía galega, a calidade do seu traballo e o seu compromiso coa divulgación e coa transmisión dos principais valores da artesanía. As persoas gañadoras das tres categorías daranse a coñecer nun acto público que terá lugar en Santiago de Compostela o vindeiro 4 de decembro.

Ningún comentario:

Publicar un comentario