O Club de Lectura María Tydeska, da Biblioteca Municipal inicia unha nova andaina tras o verán
• O próximo martes retomará tamén a actividade o club de lectura feminista Tempo de mulleres
As persoas integrantes do Club de Lectura “Maria Tydeska” da Biblioteca Pública Municipal do Concello de Tui retoman as súas xuntanzas en torno aos libros e a lectura
Foto: CdeT
Infogauda/Tui
Co remate do verán as persoas integrantes do Club de Lectura “Maria Tydeska” da Biblioteca Pública Municipal do Concello de Tui retoman as súas xuntanzas en torno aos libros e a lectura, para poñer en común as súas lecturas por medio da conversa e da tertulia informal. En concreto onte mércores, 7 de outubro comezou a súa andaina do curso 2026/2027.
Un club de lectura é unha xuntanza periódica onde un grupo de persoas comentan diferentes libros, obras que previamente cada un deles leu de xeito individual.
A conversa varía dunha sesión a outra, pois xira arredor de aspectos moi variados: o estilo literario, a temática da obra, o pensamento do autor ou autora, amén das impresións persoais ou das emocións que o texto evoca nos lectores… todo ten cabida. Este encontro e posta en común resulta moi enriquecedor, pois favorece que os participantes amplíen os seus puntos de vista, perciban detalles que se lles pasaran por alto, ou enfoquen os textos dun xeito diferente.
Participar é de balde, e a biblioteca proporciona os libros para cada sesión. As actividades desenvólvense dende este mes de outubro de 2026 ata xuño de 2027 cunha sesión o segundo mércores de cada mes. Lerase un libro diferente de cada vez, procurando que as propostas lectoras sexan diversas e variadas.
Para Sonsoles Vicente Solla, concelleira de Cultura, esta actividade pretende facilitar a socialización das persoas participantes, o crecemento persoal e mellorar a súa calidade de vida dándolles a coñecer a Biblioteca como un equipamento que lles ofrece uns recursos e servizos axeitados ás súas necesidades e intereses, promovendo diferentes vivencias e experiencias tales como encontros con autoras e autores, actividades literarias e o acceso á cultura a través de actividades lúdicas.
A próxima semana, o xoves, 15 de outubro, iniciará tamén unha nova tempada do curso 2026/2027 o club de lectura feminista “Tempo de mulleres” que promove tamén o Concello de Tui e coordina a Biblioteca Municipal tudense.

Ningún comentario:
Publicar un comentario