Unha tarde de cultura e solidariedade para apoiar a rehabilitación de Yesenia
• O Concello de Tomiño e o Movemento Veciñal Da Nosa Escola de San Cibrán organizan un festival este domingo 25 de outubro, ás 17.00 horas, no Auditorio de Goián.
Infogauda/Tomiño
A música, o teatro, o humor e a maxia daranse a man este domingo en Goián cun obxectivo compartido: axudar a Yesenia a continuar co seu proceso de rehabilitación; baixo o lema «Hoxe por Yesenia, mañá por calquera de nós», o Concello de Tomiño e o Movemento Veciñal Da Nosa Escola de San Cibrán organizan unha tarde solidaria que convida a veciñanza a sumar o seu apoio a través da cultura.
O encontro celebrarase ás 17.00 horas, no Auditorio de Goián, coa apertura de portas a partir das 16.30 horas e sendo o acceso por orde de chegada ata completar a capacidade do auditorio, cun donativo mínimo de 4 euros. Toda a recadación destinarase aos tratamentos de recuperación de Yesenia na Clínica Córtex, en Tui, onde recibe atención de fisioterapia, logopedia e neuropsicoloxía.
O programa reunirá propostas para compartir unha tarde de lecer e colaboración. Participarán o grupo de teatro A Moura, do Centro Cultural A Merced de Chaín; o grupo de frautas As Boehm, da Agrupación Musical de Vincios; a formación musical Terapia de Grupo e Gael Vila Couto, que ofrecerá un minimonólogo. O mago Samuel Moreno conducirá o acto e achegará tamén a súa maxia ao longo da xornada. Ademais, haberá un sorteo de premios entre as entradas do evento.
A alcaldesa, Sandra González, destaca o valor da mobilización veciñal que fai posible esta iniciativa: «Detrás desta tarde hai persoas que se organizan, que ofrecen o seu tempo e o seu talento para axudar. Esa capacidade de acompañarnos e de responder cando alguén o precisa é unha das grandes fortalezas que temos como pobo».
Sandra González agradece o impulso do Movemento Veciñal Da Nosa Escola en San Cibrán e a colaboración de todas as persoas e agrupacións participantes. «Desde o Concello queremos apoiar este esforzo colectivo e animar a veciñanza a participar. Cada achega suma para que Yesenia poida continuar cos seus tratamentos e seguir avanzando na súa recuperación», sinala.
A organización convida a encher o Auditorio de Goián nunha xornada na que cada entrada se converterá nunha axuda directa para Yesenia e nunha mostra de apoio a ela e a súa familia.

Ningún comentario:
Publicar un comentario