17 de out. de 2026

A GUARDA

A Guarda celebra o 10º aniversario da oficialización do Camiño Portugués da Costa cun amplo programa cultural e deportivo  

• O Colectivo Amigos do Camiño, coa colaboración do Concello da Guarda, organiza unha andaina guiada, unha exposición fotográfica, unha conferencia e un faladoiro entre outubro e novembro. 

• As actividades conmemoran a década transcorrida desde o recoñecemento oficial desta ruta xacobeira que dinamizou turística e culturalmente o municipio. 


Grupo de persoas peregrinas polo Camiño Portugués da Costa, gozando da beleza da Praza do Reló, na Guarda
Foto: infogauda

Ricardo Rodríguez Vicente/A Guarda

 O Colectivo Amigos do Camiño Portugués da Costa na Guarda, en colaboración do Concello da Guarda, presentou a programación oficial para conmemorar o 10º Aniversario da oficialización do Camiño Portugués da Costa. Baixo esta efeméride, a vila acollerá ao longo dos meses de outubro e novembro un conxunto de actividades abertas ao público que inclúen deporte, arte e divulgación histórica co obxectivo de poñer en valor o impacto cultural, social e turístico desta ruta xacobeira. 

 Os actos arrincaran o vindeiro domingo 25 de outubro coa celebración dunha Andaina guiada. A actividade, que comezará ás 10:00 h con saída desde o Colexio dos Xesuítas, na Pasaxe (Camposancos) e chegada en Area Grande, contará coas explicacións de Antón Ferreira Lorenzo, quen guiará aos participantes descubrindo as paraxes e segredos que garda este treito do camiño ao seu paso polo municipio.

 A programación continuará en novembro cun forte compoñente cultural. O luns 2 de novembro, ás 19:45 horas inaugurarase nos baixos da Casa dos Alonso unha exposición fotográfica que permanecerá aberta ata o 9 de novembro. A mostra ofrece un percorrido en imaxes pola historia, as paisaxes, as persoas e o impacto da ruta na Guarda, e poderá visitarse en horario de 9:00 a 14:00 h e de 17:00 a 20:00 h. 

 Ese mesmo luns 2 de novembro, ás 19:00 h, o Salón de Plenos da Casa dos Alonso acollerá a conferencia titulada "Tres viaxes a Santiago", impartida por Ermelindo Portela Silva, catedrático emérito da Universidade de Santiago de Compostela (USC).

 O broche final aos actos de aniversario porase o venres 6 de novembro ás 19:00 h, tamén no Salón de Plenos da Casa dos Alonso, cun faladoiro no que se repasará de xeito distendido a historia, evolución e o impacto que supuxo a oficialización do Camiño Portugués da Costa para a comunidade local e o tecido socioeconómico da Guarda. 

 Desde a organización convídase a toda a veciñanza, así como a visitantes e peregrinos, a sumarse e participar activamente nestas xornadas de celebración dunha ruta que hoxe en día é un dos piares da proxección internacional da Guarda.

Ningún comentario:

Publicar un comentario