Nigrán conmemorará o 90 aniversario de ‘A volta dos nove’ cunha ofrenda floral no Xardín da Memoria
• O acto terá lugar este venres, 16 de outubro, ás 13:00 horas, en Panxón, coa participación de familiares das vítimas e aberto á veciñanza.
Infogauda/Nigrán
O Concello de Nigrán conmemorará este venres, 16 de outubro, o 90 aniversario dos tráxicos asasinatos coñecidos como A volta dos nove, un dos episodios máis cruentos da represión franquista no Val Miñor. O acto, aberto á participación da veciñanza e coa presenza de familiares dos represaliados, celebrarase ás 13:00 horas no Xardín da Memoria de Panxón, onde o alcalde realizará unha ofrenda floral ante o monumento dedicado ás vítimas.
A homenaxe lembrará os nove veciños do Val Miñor fusilados o 15 de outubro de 1936, cinco deles de Panxón, nun episodio de violencia e represalia vinculado aos sucesos acontecidos o día anterior en Sabarís. Naquel momento, as forzas sublevadas asaltaron a casa dos irmáns republicanos coñecidos como ‘Os Ineses’, un operativo no que morreron os dous irmáns, a súa asistenta, Dolores Samuelle, e un dos falanxistas participantes.
Horas despois, os partidarios do golpe de Estado acudiron á prisión do Frontón, en Vigo, de onde sacaron nove veciños do Val Miñor que permanecían detidos. Trasladáronos ata a curva da Bombardeira, en Baiona, onde foron fusilados como represalia polos acontecementos de Sabarís.
A memoria daqueles nove asasinados permaneceu viva durante décadas a través dun xesto de resistencia silenciosa: a aparición de nove cruces pintadas na curva da Bombardeira. Durante máis de 40 anos, as cruces foron borradas en numerosas ocasións e as autoridades trataron de identificar as persoas responsables de debuxalas, pero sempre volvían aparecer. Aquel símbolo converteuse así nunha expresión persistente da memoria das vítimas fronte ao esquecemento e á represión.
Na actualidade, o lugar conserva as nove cruces, agora impresas, como recordo do sucedido e como espazo de memoria colectiva.
A homenaxe institucional en Nigrán terá como escenario o Xardín da Memoria de Panxón, inaugurado en 2016. O espazo conta cunha escultura de pedra con nove cruces, unha por cada vítima, e varias placas conmemorativas que lembran os asasinados, as súas mulleres e tamén Dolores Samuelle, represaliada por axudar aos ‘Ineses’.
Coa celebración deste acto, o Concello de Nigrán busca manter vivo o recordo das vítimas e transmitir ás novas xeracións a memoria dun episodio que marcou a historia do Val Miñor, reivindicando a dignidade dos represaliados e o compromiso colectivo coa memoria democrática.

Ningún comentario:
Publicar un comentario