14 de out. de 2026

GOIÁN (TOMIÑO)

A CIG logra 8 de 9 representantes no comité de Viveiros Río Rollo, S.L. de Goián (Tomiño), a primeira vez que se celebran eleccións sindicais  

• Trátase da maior empresa de comercialización de plantas do Baixo Miño 


Persoas candidatas da CIG nas eleccións sindicais para o comite de empresa de Viveiros Río Tollo, S.L.
Foto: CIG

Infogauda/Tomiño 

 A CIG vén de lograr 8 de 9 representantes no comité de empresa de Viveiros Río Tollo, S.L. a primeira vez que se celebran eleccións sindicais nesta compañía de Goián (Tomiño) dedicada á comercialización de plantas e que conta con 122 persoas traballadoras.  

 Tras o proceso de votación que tivo lugar onte a representación sindical queda integrada por 8 delegados/as da CIG e por 1 de CCOO. A central nacionalista obtivo 88 apoios no colexio de especialistas (7 representantes), fronte aos 13 do sindicato estatal (1 representante). No colexio de persoal técnico e administrativo concorreu unha única candidatura da CIG, que sumou 7 votos dos 9 emitidos.  

 Nas eleccións sindicais -as primeiras celebradas nos 27 anos de historia de Viveiros Río Tollo- participaron 101 das 122 persoas traballadoras dunha empresa que na actualidade é o maior viveiro de plantas da comarca do Baixo Miño.  

 Dende a central sindical agradecen o maioritario apoio colleitado entre o cadro de persoal e adoitan a súa disposición a loitar pola mellora das condicións salariais e laborais. En concreto, sinalan unha serie de reivindicacións que pretenden negociar de xeito urxente coa dirección: que a antigüidade non sexa absorbida pola suba do SMI, garantindo así o aumento real do salario; que vacacións sexan de 30 días, en vez dos 29 días actuais; regular as categorías; plan de igualdade entre homes e mulleres; mellorar as licenzas; e incrementar a prevención de riscos para evitar as lesións músculo esqueléticas. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario