19 de out. de 2026

A GUARDA

O Colectivo Amigos do Camiño Portugués da Costa conmemora con varias actividades o 10º aniversario da súa oficialización 

•  Unha andaina guiada, unha exposición fotográfica, unha conferencia de Ermelindo Portela e un faladoiro que contará con Grato Amor e representantes de negocios locais, conforman a programación organizada na Guarda entre o 25 de outubro e o 9 de novembro 


Infogauda/A Guarda

 O Colectivo Amigos do Camiño Portugués da Costa – A Guarda organiza nas próximas semanas un programa de actividades para conmemorar o décimo aniversario da oficialización do Camiño Portugués da Costa, unha ruta que ao longo desta década se consolidou como un importante elemento patrimonial, cultural, turístico e social para A Guarda e para todo o territorio polo que discorre. 

 A programación, que conta coa colaboración do Concello da Guarda, pretende lembrar o proceso que fixo posible o recoñecemento oficial deste itinerario, achegar á cidadanía a súa historia e analizar tamén a evolución e o impacto que o Camiño tivo durante estes dez anos. 

 As actividades comezarán o domingo 25 de outubro ás 10:00 horas cunha andaina guiada, que partirá do Colexio dos Xesuítas e finalizará na Area Grande. O percorrido estará guiado por Antón Ferreira, unha das persoas vinculadas dende os primeiros anos á recuperación e definición do trazado do Camiño Portugués da Costa ao seu paso pola Guarda. Ferreira participou xa nas primeiras iniciativas arredor desta ruta e propuxo no seu momento o trazado pola vila guardesa.  

 A seguinte cita terá lugar o 2 de novembro ás 19:00 horas na Casa dos Alonso, coa conferencia “Tres viaxes a Santiago”, impartida por Ermelindo Portela Silva, catedrático emérito da Universidade de Santiago de Compostela. 

 Trala conferencia abrirá tamén ao público a exposición fotográfica dedicada ao Camiño Portugués da Costa, que poderá visitarse nos baixos da Casa dos Alonso do 2 ao 9 de novembro, en horario de 9:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 20:00 horas. A mostra realizará un percorrido en imaxes pola historia do Camiño, as súas paisaxes, as persoas vinculadas ao seu desenvolvemento e o impacto que tivo durante estes dez anos. 

 A programación completarase o venres 6 de novembro ás 19:00 horas cun faladoiro no Salón de Plenos da Casa dos Alonso, no que se repasarán a historia, a evolución e o impacto do Camiño Portugués da Costa desde diferentes perspectivas. 

 No encontro participará Grato Amor Moreno, membro da Asociación Amigos dos Pazos e unha das persoas que impulsaron xa nos anos oitenta os primeiros estudos e reivindicacións para a recuperación deste itinerario, ademais de participar posteriormente no proceso de defensa e recoñecemento do Camiño Portugués da Costa. Tamén estará Antón Ferreira, ligado desde os primeiros pasos á recuperación e promoción do Camiño na Guarda.  

 Xunto a eles participarán persoas do tecido económico local que viven hoxe de maneira directa a chegada de peregrinos/as á vila. Será o caso de Marta Silva, de Atmósfera Sport, como representante do comercio local, e de Fernando Álvarez Troncoso, xerente do Albergue O Peirao, establecemento especializado na atención a peregrinos e visitantes do Camiño. O colectivo está ademais á espera de confirmar a participación dalgún outro establecemento da vila, co obxectivo de incorporar novas visións sobre a repercusión que o crecemento do Camiño tivo no comercio, na hostalaría e nos servizos locais. 

 A intención é que o faladoiro permita combinar dúas miradas: a memoria das persoas que contribuíron á recuperación e ao recoñecemento oficial da ruta e a experiencia de quen, dez anos despois, convive diariamente cos seus efectos na actividade turística, económica e social da Guarda. 

 Desde o Colectivo Amigos do Camiño Portugués da Costa convidan á veciñanza e a todas as persoas interesadas no Camiño a participar nas diferentes propostas e a sumarse a unha conmemoración que pretende ser tamén unha oportunidade para recoñecer o traballo das persoas que contribuíron á consolidación desta ruta e reflexionar sobre o seu presente e o seu futuro. 

PROGRAMACIÓN 

• 25 de outubro | 10:00 h – Andaina guiada. Saída do Colexio dos Xesuítas e chegada a Area Grande. Guía: Antón Ferreira. 

• 2 de novembro | 19:00 h – Conferencia “Tres viaxes a Santiago”, por Ermelindo Portela Silva, catedrático emérito da USC. Casa dos Alonso. 

• Do 2 ao 9 de novembro – Exposición fotográfica nos baixos da Casa dos Alonso. Horario: 9:00–14:00 e 17:00–20:00 h. 

• 6 de novembro | 19:00 h – Faladoiro no Salón de Plenos da Casa dos Alonso, coa participación de Grato Amor Moreno, Antón Ferreira, Marta Silva e Fernando Álvarez.

Organiza: Colectivo Amigos do Camiño Portugués da Costa – A Guarda

Colabora: Concello da Guarda.

Ningún comentario:

Publicar un comentario