15 de out. de 2026

BAIONA

Villaverde reivindica en Baiona o liderado pesqueiro e a economía azul de Galicia na presentación do cumio internacional Faro Summit


Villaverde, acompañada polo alcalde da localidade, Jesús Vázquez Almuíña, e polo presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Carlos Botana, puxo en valor que este cumio coincide co décimo aniversario da estratexia Blue Growth de Vigo 
Foto: XdeG

Infogauda/Baiona

 A conselleira do Mar, Marta Villaverde, participou no Parador de Baiona no acto de presentación da primeira edición do FARO Summit 2026 – Future Alliance for Resilient Oceans, un encontro internacional promovido polo Concello de Baiona e a Autoridade Portuaria de Vigo que reunirá os días 19 e 20 de novembro a expertos, comunidade científica, xestores portuarios e industria para abordar o futuro e a sustentabilidade dos océanos. Durante a súa intervención, a titular do Mar subliñou o papel estratéxico de Galicia como primeira potencia pesqueira da Unión Europea, lembrando que a nosa comunidade concentra preto da metade da frota española e lidera unha cadea mar-industria que factura ao redor de 9.000 millóns de euros ao ano e xera milleiros de empregos.  

 Neste marco, Villaverde, acompañada polo alcalde da localidade, Jesús Vázquez Almuíña, e polo presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Carlos Botana, puxo en valor que este cumio coincide co décimo aniversario da estratexia Blue Growth de Vigo e incidiu en que “desde o Goberno galego temos absolutamente claro que a sustentabilidade ambiental só é duradeira e real se avanza da man da viabilidade económica e da xustiza social”. A conselleira destacou que este tipo de iniciativas son fundamentais para poñer a innovación e a transición enerxética ao servizo das confrarías, os portos e a xente do mar, garantindo que “desde a Consellería do Mar seguiremos traballando para que Galicia continúe marcando o rumbo da economía azul en Europa”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario