23 de out. de 2026

A GUARDA

Manifestación na Guarda, o xoves 29 de outubro, para esixir da Xunta de Galicia máis médicos de familia   

•  2. 400 persoas non teñen médica de referencia e o tempo  de espera  para ser atendidos  acada  as 3 semanas 

 



Infogauda/A Guarda 

 A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Guarda convoca á cidadanía a participar na manifestación que se celebrará o próximo xoves 29 de outubro ás 20:00 horas, con saída desde a Alameda e remate diante do Concello da Guarda. 

 Os representantes do colectivo manifestan que “o empeoramento da atención sanitaria que vimos denunciando desde hai tempo sen resposta por parte da Consellaría de Sanidade da Xunta de Galiza é o que nos leva a iniciar mobilizacións, tal como anunciamos en repetidas ocasións”. Do mesmo xeito, enfatizan que “a Guarda non vai quedar calada diante deste deterioro que deixa 2.400 persoas sen médico de referencia e alonga os tempos de espera para ser atendidos ata as tres semanas”. 

 Segundo a plataforma, esta diminución na calidade asistencial débese á falta de cobertura de dúas prazas de medicina de familia. A situación que sofre o centro de saúde do Rosal  —cunha soa médica a xornada completa e outra en xornada reducida—agrava   a saturación das axendas dos profesionais guardeses ao teren que atender, alén dos seus pacientes, as persoas sen médico asignado e os usuarios que veñen do Rosal pola carencia de persoal nese municipio. 

 Desde a plataforma sinalan que os desvíos permanentes de fondos públicos cara á sanidade privada e os recortes na atención primaria desde a chegada do PP á Xunta de Galicia son o motivo da situación actual, polo que esixen un cambio de rumbo urxente nas políticas sanitarias. A este respecto, lembran que, segundo denunciou a Federación de Asociacións para a Defensa da Sanidade Pública (FADSP), o 47,7% do gasto sanitario do SERGAS neste ano 2026 acaba en mans do sector privado. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario