14 de out. de 2026

A GUARDA

Cruz Vermella celebrará na Guarda o peche do proxecto “Contigo non Camiño”  

• O acto será este venres, 16 de outubro, ás 11.00 horas, na Pasaxe (Camposancos) A Guarda 

• O dispositivo prestou atención, acompañamento e información a máis de 500 persoas peregrinas entre A Guarda e Baiona durante máis dun mes


O proxecto Contigo non Camiño ten como finalidade ofrecer acompañamento, atención sociosanitaria e información práctica ás persoas peregrinas que percorren este roteiro xacobeo
Foto: Cedida

Infogauda/A Guarda

  Cruz Vermella celebrará o vindeiro venres, 16 de outubro o acto de peche dunha nova edición do proxecto Contigo non Camiño, o dispositivo de atención a persoas peregrinas desenvolvido no Camiño Portugués pola Costa, entre A Guarda e Baiona, entre o 14 de setembro e o 16 de outubro. O encontro terá lugar ás 11.00 horas na Pasaxe (Camposancos) A Guarda, e reunirá a voluntariado, persoal técnico, entidades colaboradoras e institucións que fixeron posible o desenvolvemento desta iniciativa.  

 Durante o acto institucional intervirán o director da Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo, da Xunta de Galicia, Ildefonso de la Campa; o presidente provincial de Cruz Vermella en Pontevedra, Gonzalo Iglesias Rial; e representantes das empresas colaboradoras que poñerán en valor o impacto do proxecto, o labor do voluntariado e a importancia da colaboración entre administracións, entidades e tecido social para mellorar a experiencia e a seguridade das persoas peregrinas. 

 Tras o acto institucional, as persoas asistentes participarán nunha xornada de convivencia que incluirá diferentes percorridos polo Camiño. As persoas rexistradas na modalidade de bicicleta realizarán o traxecto completo desde A Pasaxe (Camposancos) ata o Restaurante Lugar, en Viladesuso (Oia), mentres que quen participe a pé poderán escoller entre dous roteiros de distinta lonxitude, con saída desde Portocelo ou desde o Mosteiro de Oia. O obxectivo é compartir unha experiencia conxunta na contorna no que se desenvolveu o proxecto e poñer en valor o patrimonio natural e cultural do Camino Portugués pola Costa. 

 O proxecto Contigo non Camiño ten como finalidade ofrecer acompañamento, atención sociosanitaria e información práctica ás persoas peregrinas que percorren este roteiro xacobeo, contribuíndo a que a súa experiencia sexa máis segura e satisfactoria. Para iso, equipos de Cruz Vermella percorren diariamente diferentes etapas en bicicletas eléctricas equipadas con material de primeiros auxilios e desfibriladores semiautomáticos, prestando asistencia ante incidencias leves e facilitando información útil sobre etapas, servizos, aloxamentos, fontes de auga ou recursos turísticos.  

 Esta edición supón a consolidación do proxecto na provincia de Pontevedra, onde se puxo en marcha por primeira vez en 2025. Desde entón, Cruz Vermella reforzou a súa presenza nunha dos roteiros xacobeos con maior crecemento dos últimos anos, achegando apoio e orientación ás persoas peregrinas ao longo do percorrido entre A Guarda e Baiona.  

 Durante esta edición, o dispositivo realizou ata o momento polo Camiño Portugués pola Costa máis de 500 atencións. As incidencias máis habituais estiveron relacionadas con ampolas, dores musculares, contusións e picaduras de insectos, mentres que as consultas máis frecuentes estiveron vinculadas as etapas, servizos dispoñibles, aloxamentos e recursos da contorna. 15 persoas voluntarias contribuíron ao éxito deste proxecto. 

 Nado en Galicia no verán de 2021, Contigo no Camiño é xa un recurso de referencia para as persoas peregrinas. Ao longo destes anos, o dispositivo desenvolveu a súa actividade principalmente en distintos roteiros xacobeos galegas, ofrecendo acompañamento, asistencia e información a miles de camiñantes e percorrendo decenas de miles de quilómetros.  

 A iniciativa é posible grazas á colaboración de entidades e empresas comprometidas co territorio e coa seguridade e benestar das persoas peregrinas. Cruz Vermella quere agradecer especialmente o apoio da Xunta de Galicia, a UNED, Estación de Servizo San Roque, Restaurante Area Grande, Supermercados Froiz, Interfish España, Opromar, OR.PA.GU e OPP Porto de Burela, así como a implicación do voluntariado que contribuíron ao desenvolvemento do proxecto.

Ningún comentario:

Publicar un comentario