A Xunta de Galicia inicia en Vigo as obras de 172 vivendas públicas, a primeira promoción do polígono 2 de Navia
• Este novo edificio é o máis grande dos que se están a construír actualmente en Navia, supón un investimento de 37,2 M€ e contará con vivendas de 2, 3 e 4 dormitorios
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto coa delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, supervisou hoxe o inicio desta nova actuación
Foto: XG
Infogauda/Vigo
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto á delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, supervisou hoxe na cidade o inicio das obras das 172 vivendas públicas da primeira promoción en execución do polígono 2 de Navia, unha actuación que incorpora o uso de técnicas de construción industrializada.
A conselleira destacou que esta actuación supón a primeira pedra do primeiro edificio do polígono 2, un ámbito no que a Xunta está a simultanear os traballos de urbanización e edificación.
O edificio contará con 172 vivendas de 2, 3 e 4 dormitorios e será o máis grande de todos os que se están a construír actualmente en Navia. A conselleira explicou así que esta promoción supón polo tanto o maior investimento, acadando os 37,2 M€ e responde ao obxectivo da Xunta de seguir incrementando a oferta de vivenda pública en Vigo. Estes novos fogares estarán cofinanciados con fondos FEDER.
Indicou que unha parte importante das vivendas será de tres dormitorios, tendo en conta que esta tipoloxía coincide coa maior parte da composición dos inscritos no Rexistro Público de Demandantes de Vigo.
Obras licitadas
A Xunta de Galicia está a traballar actualmente no polígono 2 de Navia, onde se están a simultanear os traballos de urbanización e edificación. Neste ámbito, xa están licitadas todas as obras previstas.
A promoción que hoxe inicia as obras é, polo tanto, a primeira en execución deste polígono 2, que permitirá seguir ampliando a oferta de vivenda pública neste barrio vigués.
En paralelo, no polígono 1, a Xunta xa rematou as obras de urbanización e mantén dez promocións en execución, moitas delas cun estado moi avanzado de construción. Ademais, queda unha promoción por iniciar a súa execución, que se prevé poñer en marcha en breve.
M. Allegue puxo o acento en que esta nova promoción incorpora tamén o uso de técnicas industrializadas, unha aposta que a Xunta está a impulsar no marco do seu compromiso coa modernización do sector da construción.
A conselleira explicou que, actualmente, nas licitacións que se realizan por proxecto de obra, a Xunta esixe un mínimo de técnicas industrializadas. Así, lembrou tamén que a Xunta conta cun convenio co Clúster da Construción para impulsar o uso destas técnicas, polas vantaxes que achegan ao proceso construtivo.
Neste sentido, salientou que contribúen a axilizar os tempos de construción, permiten paliar problemas como a falta de man de obra existente actualmente, son máis eficientes desde o punto de vista ambiental e, ademais, favorecen o uso e a actividade das empresas punteiras de Galicia que empregan estas técnicas industrializadas.
Facilitar acceso á vivenda
A conselleira tamén quixo poñer en valor o compromiso da Xunta de facilitar que máis familias poidan acceder ás vivendas públicas, a través do incremento dos limiares de renda. Como exemplo, explicou que unha parella cun fillo que anteriormente non podía acceder ás vivendas se superaba os 2.250 € de ingresos brutos ao mes en 14 pagas, agora poderá facelo con ingresos de ata arredor de 3.500€.

Ningún comentario:
Publicar un comentario