16 de set. de 2026

TUI

O Cineclub Tui leva a Randufe o clásico Madame de… de Max Ophüls  

A proxección, organizada en colaboración coa Asociación Deportiva e Cultural Xuntanza, terá lugar este venres, 18 de setembro, ás 21:00 horas, na Casa Cultural de Randufe 

 


Ricardo Rodríguez Vicente/Tui

 O Cineclub Tui continúa coa súa aposta por achegar o cinema ás diferentes parroquias do municipio cunha nova proxección especial. Este venres, 18 de setembro, ás 21:00 horas, a Casa Cultural de Randufe acollerá a exhibición de Madame de…, filme dirixido en 1953 polo prestixioso realizador alemán Max Ophüls. 

 A sesión está organizada polo Cineclub Tui en colaboración coa Asociación Deportiva e Cultural Xuntanza de Randufe, que se suma así á iniciativa do cineclub tudense para levar a súa programación máis alá dos espazos habituais.  

 A película, de 102 minutos de duración, está protagonizada por unha condesa pertencente á alta sociedade parisiense do século XIX que, acuciada polos seus elevados gastos, decide vender uns pendentes que lle regalara o seu marido. Para xustificar a desaparición das xoias, dille que as perdeu, pero o xoieiro, indiscreto, pon o conde ao corrente do sucedido. A partir dese momento, a xoia inicia un percorrido por diferentes mans que acabará tendo consecuencias na vida dos seus protagonistas.

 Considerada unha das obras máis destacadas de Max Ophüls, Madame de… é un drama romántico ambientado na sociedade francesa do século XIX. O filme parte da novela homónima de Louise de Vilmorin e conta cun guion do propio Ophüls xunto a Marcel Achard e Annette Wademant. A fotografía, en branco e negro, corre a cargo de Christian Matras, mentres que a música foi composta por Georges Van Parys e Oscar Straus.  

 A produción franco-italiana foi nomeada en 1954 candidata ao Óscar ao mellor vestiario (Branco e Negro), recoñecemento que dá conta tamén do coidado formal dunha película na que a posta en escena, os movementos de cámara e a recreación da sociedade da época desempeñan un papel fundamental.

 A sesión de Randufe terá ademais un prezo especialmente accesible. A entrada será de 2 euros, mentres que as persoas asociadas ao Cineclub Tui poderán acceder por 1 euro.  

 Desde a ACD Xuntanza destacan o carácter desta colaboración e o labor desenvolvido polo Cineclub Tui: “Trátase dunha nova proxección que parte da iniciativa do Cineclub Tui que, na súa impagable labor por manter vivo o cine no noso concello, quere achegar esta actividade ás parroquias”.

 A asociación de Randufe xa colaborara co cineclub o pasado 31 de xullo, cando se celebrou unha primeira sesión dentro desta programación descentralizada. “Xuntanza sumouse a esta iniciativa e xa tivemos unha sesión o pasado 31 de xullo, agora imos ter unha segunda película proposta polo Cineclub Tui”, sinalan desde a entidade.  

 Con esta nova sesión, o Cineclub Tui mantén así a súa aposta por recuperar e compartir grandes títulos da historia do cinema, ao tempo que facilita o acceso á programación cinematográfica tamén desde as parroquias do municipio.

Ningún comentario:

Publicar un comentario