O escritor Manel Loureiro presenta en Tui ‘Antes de que todo cambie’
• Será este venres, 4 de setembro, ás 20 h no Espazo Sociocultural da rúa Camilo José Cela
Infogauda/Tui
O escritor galego Manel Loureiro presentará este venres, 4 de setembro, ás 20 h no Espazo Sociocultural da rúa Camilo José Cela a súa última novela “Antes de que todo cambie” (Planeta, 2026). O evento está organizado pola Libraría Espazo Lector Nobel de Tui, en colaboración coa Biblioteca Municipal. A entrada é libre.
O pontevedrés Manel Loureiro é considerado un dos autores máis internacionais do thriller contemporáneo, con títulos como “La ladrona de huesos” ou “Cuando la tormenta pase”. A súa carreira literaria comezou de forma inesperada con “Apocalipse Z. El principio del fin”, unha historia que comezou como un blog privado e que se converteu nun fenómeno viral con máis dun millón e medio de lectores na internet. A súa publicación en 2007 marcou o inicio dunha exitosa triloxía que o deu a coñecer a un público masivo.
Cunha traxectoria que o posicionou entre os escasos autores españois contemporáneos capaces de figurar nas listas de máis vendidos nos Estados Unidos, Loureiro experimenta en 2026 un dos fitos máis significativos da súa carreira. Este momento caracterízase polo lanzamento da súa nova novela, “Antes de que todo cambie”, e pola consolidación da súa obra como un fenómeno internacional e audiovisual.
O libro que mañá presentará en Tui é unha novela de suspense, de alta tensión, ambientado nun cumio internacional da Unión Europea celebrado na illa da Toxa. Aí, unha ameaza inminente porá en xaque o equilibrio político europeo.

Ningún comentario:
Publicar un comentario