4 de set. de 2026

TOMIÑO

O Concello de Tomiño impulsa a recuperación e dixitalización do seu patrimonio documental cun novo posto de Axudante de Arquivo 

A contratación, dirixida a persoas desempregadas de entre 18 e 29 anos inscritas no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, permitirá avanzar na organización dos arquivos municipais e na divulgación da Memoria Tomiñesa  


Casa do Concello de Tomiño
Foto: CT

Infogauda/Tomiño

 O Concello de Tomiño ofertará un posto de Axudante de Arquivo destinado a persoas desempregadas inscritas no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, co obxectivo de avanzar na organización, dixitalización e posta en valor do patrimonio documental do municipio.  

 A persoa seleccionada colaborará na recompilación, recuperación, dixitalización, catalogación e clasificación de documentos en diferentes soportes —papel, fotografía, vídeo e son— conservados nos distintos arquivos municipais e na biblioteca municipal Espazo Isaura Gómez. Tamén desenvolverá tarefas relacionadas coa organización dos fondos, a localización e consulta da documentación e a atención das solicitudes realizadas tanto polo persoal municipal como pola cidadanía.  

 Entre as súas funcións estará igualmente a creación de contidos a partir de material de interese histórico e documental, así como a resolución de consultas relacionadas con estes fondos, incluídos os da Casa do Tempo de Sobrada.  

Requisitos para participar  

Para poder optar ao posto é necesario:  

 Ter entre 18 e 29 anos. 

Estar en situación de desemprego e inscrita/o como demandante de emprego no Servizo Público de Emprego de Galicia. 

 Contar con algunha das seguintes titulacións: 

Grao en Xestión Cultural. 

Grao en Historia / Xeografía e Historia. 

Grao en Filoloxía Clásica. 

Grao en Xestión Dixital de Información e Documentación. 

Grao en Dirección e Xestión Pública. 

Estar inscrita/o como beneficiaria/o no ficheiro do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia. A iniciativa permitirá mellorar a organización da documentación física existente nos arquivos municipais, avanzar na súa dixitalización e facilitar o acceso da cidadanía a estes fondos. Ao mesmo tempo, contribuirá á resolución de consultas relacionadas coa historia local e á creación de novos contidos para a divulgación da Memoria Tomiñesa.  

 As persoas que cumpran os requisitos e estean interesadas en participar deberán inscribirse, a través da súa oficina de emprego, no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, indicando o código de ocupación 37331012, “Axudante de Arquivo”.  

 A contratación conta coa subvención da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, polo que o proceso selectivo se realizará exclusivamente a través do Servizo Público de Emprego de Galicia entre as persoas desempregadas que cumpran os requisitos establecidos.  

 Coa posta en marcha deste servizo, o Concello de Tomiño reafirma o seu compromiso coa organización e conservación da documentación municipal, ao tempo que promove a recuperación e divulgación da súa historia, o seu patrimonio documental e a memoria colectiva da veciñanza.

Ningún comentario:

Publicar un comentario