15 de set. de 2026

PONTEVEDRA

Balance verán  

Abel Losada fai balance da sinistralidade viaria dun verán que deixa  catro vítimas mortais, pero ningunha entre usuarios/as vulnerables 

 O subdelegado recalca que, tras varios meses moi malos, non faleceu ningún motorista, ciclista, peón ou condutor/a de VPM 

 Tódalas vítimas producíronse en estradas autonómicas 

 As estatísticas confirman un incremento dos excesos de velocidade e tamén da condución coas rodas gastadas 


O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, acompañado da xefa provincial de Tráfico, Paula Yubero, e o capitán Roberto Prado presentou o balance de sinistralidade nas estradas interurbanas da provincia durante os pasados meses de xullo e agosto
Foto: SdoG

Infogauda/Pontevedra

 O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, acompañado da xefa provincial de Tráfico, Paula Yubero, e o capitán Roberto Prado presentou o balance de sinistralidade nas estradas interurbanas da provincia durante os pasados meses de xullo e agosto. Losada constatou que, como adoita suceder, estamos diante dun período estival “agridoce”, pois “se ben houbo catro persoas falecidas, logrouse conter a racha de mortes entre os e as usuarias vulnerables”. 

 Abel Losada explicou que os catro falecementos nestes dous meses están exactamente na media dos últimos anos. En xeral houbo máis accidentes (438) bastante por enriba da media (324). Non obstante, foron menos graves do habitual porque os sinistros con vítimas foron 166 cando a media destes últimos anos foi de 198. Na súa opinión, o dato máis positivo é que “tras varios meses moi malos cortouse a racha de falecementos entre persoas usuarias vulnerables; tanto de peóns como de motociclistas”. Tampouco houbo ciclistas ou condutores/as de vehículos de mobilidade persoal entre os falecidos. Cómpre recordar, engadiu, que no que vai de ano, nesta provincia teñen falecido 12 usuarios vulnerables (9 peóns e 3 motoristas). 

 A totalidade dos accidentes producíronse en estradas autonómicas, un dato que, recalcou o subdelegado, volve a poñer de manifesto que “a seguridade viaria non entende de titularidades, nin casa ben coas campañas políticas con fotos nas estradas”. Engadiu que os propios atestados da Garda Civil demostran que as distraccións na condución ou o exceso de velocidade son as causas principais de accidentes. 

 Os sinistros mortais foron: 

17 de xullo, na PO-510, no Porriño, unha colisión frontal entre dous turismos resultou no falecemento de dúas persoas de 68 e 62 anos e outras catro persoas resultaron feridas. 

5 de agosto, na PO-301, en Vilagarcía de Arousa, outra colisión frontal entre turismos saldouse co falecemento dun home de 39 anos. 

24 de agosto, na PO-400, nas Neves, a terceira colisión frontal produciuse entre un camión e un turismo. Faleceu o condutor do coche, un home de 55 anos. 

 Polo tanto a tipoloxía de accidente deste verán é a dunha colisión frontal, con condutor varón e en estrada convencional.  

Alcol e drogas 

 O subdelegado informou de que este verán realizáronse 33.220 controis de alcoholemia entre os condutores, cun 3,6% de positivos, o que supón unha porcentaxe parecida ao verán pasado A gran maioría dos positivo son entre homes (máis do 81,7%) con idades entre os 45 e os 54 anos. Aínda que tamén se detectou, especialmente en agosto, unha porcentaxe importante na franxa de entre 15 e 24 anos. Un dato, que o subdelegado do Goberno considera como “moi preocupante”. 

 En canto aos tests de drogas, dos 615 realizados, houbo un 43,9% de positivos foron positivos, tamén na liña do verán de 2025. Como é habitual, máis dun 92% eran varóns e a maior incidencia está no grupo de entre 35 e 44 anos.  

Campañas de prevención 

 Durante este verán realizáronse campañas específicas de alcol e drogas, control de velocidade e tamén unha campaña específica para motocicletas. Do número de denuncias emitidas, detectouse un incremento dun 14% nas denuncias por circular cos pneumáticos en mal estado e tamén dun 6,7% por excesos de velocidade. A parte positiva é que cada vez resulta máis raro atopar condutores que non utilizan os dispositivos de seguridade (cinto, casco ou sistema de retención infantil), menos infraccións nos adiantamentos e tamén por uso do teléfono móbil.

Ningún comentario:

Publicar un comentario