Un investimento de case 500.000€ para renovar e mellorar os camiños do Rosal
• O Concello avanza en catro novos proxectos de asfaltado de case 30.000 m2, o equivalente a máis de catro campos de fútbol, financiados con fondos municipais, provinciais e autonómicos
Infogauda/O Rosal
O Concello do Rosal continúa avanzando no seu programa de conservación e mellora da rede viaria municipal con catro novos proxectos que mobilizan un investimento de máis de 500.000 euros, financiados con fondos municipais e coa captación de fondos provinciais e autonómicos.
Dúas destas actuacións están xa licitadas e outra está en fase de licitación, permitindo así actuar en case 30.000 metros cadrados, o equivalente a máis de catro campos de fútbol, en diferentes puntos do municipio para mellorar o firme, incrementar a seguridade viaria e facer máis cómodos os desprazamentos cotiáns da veciñanza. As intervencións abranguen desde o reforzo e renovación do pavimento ata traballos previos de drenaxe, limpeza ou acondicionamento necesarios para garantir a durabilidade das obras.
“Seguimos investindo de maneira planificada na rede municipal de camiños, atendendo ás necesidades que detectamos e tamén ás que nos traslada directamente a veciñanza. Son actuacións que poden parecer sinxelas cando vemos o resultado final, pero detrás de cada asfaltado hai un traballo técnico importante para resolver previamente problemas e conseguir que a mellora sexa realmente duradeira”, explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.
Un exemplo dese traballo que queda oculto unha vez rematada a actuación pode verse no Camiño do Esteiro, en Pías, onde se acometeron labores previos de todas as redes de subministros antes de chegar á renovación da capa de rodaxe. Para o Concello, actuar sobre estes elementos resulta fundamental para evitar limitar as intervencións a unha simple reposición superficial do pavimento e abordar as causas que provocan a súa deterioración.
Proxectos de mellora
Entre os proxectos xa licitados atópase a adecuación do Camiño da Manga, en Fornelos, unha vía que dá acceso ao núcleo e que enlaza dúas estradas autonómicas, a PO-353 e a PO-354. Trátase dun camiño cun elevado tráfico local que dá servizo, ademais, a varias edificacións tradicionais integradas no núcleo rural e a elementos patrimoniais. O firme e as cunetas presenta actualmente un importante deterioro, unha situación pola que a propia veciñanza viña reclamando a mellora da vía.
A planificación municipal inclúe tamén o proxecto de reforzo de firmes en varios viarios municipais, cofinanciado a través do Plan +Provincia da Deputación de Pontevedra. As actuacións distribuiranse polas parroquias de Santa Mariña do Rosal, San Miguel de Tabagón e San Bartolomeu das Eiras, permitindo estender as melloras a distintos puntos do territorio. Coa nova licitación que se sacará a final de ano tamén se mellorarán camiños na parroquia de San Xoan de Tabagón.
A estes traballos súmase o proxecto de mellora do firme en camiños afectados polas inclemencias meteorolóxicas, ao abeiro do Plan Vía Depo, con intervencións previstas na parroquia de Santa Mariña do Rosal. Neste caso actuarase na rúa Callejón, Camiño Barbuntín, rúa da Lomba, Camiño do Araúxo, Camiño Ponte do Pao e Camiño O Castañal.
Todos estes procesos completaranse coa licitación a final de ano dunha segunda fase de traballos de asfaltado e mellora en máis de 7.800 m2 cadrados de camiños por máis de 100.000 euros.
A alcaldesa destaca que “manter en boas condicións os camiños é unha tarefa continua e require investimento, planificación e capacidade para captar recursos doutras administracións. Seguiremos traballando nesta liña, priorizando actuacións e aproveitando todas as vías de financiamento dispoñibles para chegar progresivamente ao maior número posible de lugares”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario