BALONMÁN FEMININO
O Atlético Guardés acollerá a primeira eliminatoria europea integramente na Sangriña
• O equipo baixomiñoto chegou a un acordo co Boden sueco para xogar os dous partidos que compoñen a Round 2 da EHF European League dentro dun mes na Sangriña
• A ida disputarase o sábado 3 de outubro e a volta o domingo 4, sendo ambos partidos en horario de mañá ás 12.00 horas
• O Atlético Guardés celebra a colaboración do seu rival para acadar este acordo, que supón un aforro económico importante sobre o que implicaría viaxar ao norte de Suecia
Redacción/A Guarda
O Atlético Guardés pecha os primeiros detalles da súa nova aventura europea. Hai unhas semanas, a entidade baixomiñota conseguía pechar un acordo co Boden Handboll IF sueco, o seu rival para a primeira eliminatoria da EHF European League, de xeito que os dous encontros que compoñen esa Round 2 xogaranse integramente na Sangriña a fin de semana do 3 e 4 de outubro.
Tras unha frutífera negociación, o rival escandinavo aceptou traer ambos partidos á Guarda, xa que supoñía a opción máis economicamente viable malia contar co dereito de local na eliminatoria. Por unha banda, os prezos de aloxamentos e manutención son moito máis elevados en Suecia, o cal descartou con facilidade a opción de celebrar os dous duelos alí; e ademais, dado o complexo itinerario de cando menos dous voos e unha pernoctación que conecta ambas localidades, as dúas entidades pactaron de mutuo acordo aproveitar a viaxe para celebrar a eliminatoria íntegra na Sangriña.
Así, o Atlético Guardés xogará a Round 2 da EHF European League en dúas xornadas consecutivas como anfitrión: o partido de ida será o sábado 3 de outubro e a volta disputarase o domingo 4, tendo lugar ambos encontros ás 12.00 horas do mediodía, pois non era posible o horario de tarde ao coincidir co voo de regreso a Suecia para as visitantes.
Este horario supón outra vantaxe a nivel de calendario para o equipo baixomiñoto, pois aínda que obrigou a mover o partido de cuarta xornada en casa do Zonzamas Lanzarote que correspondía á mesma fin de semana (xogarase finalmente o martes 29 de setembro); a dobre cita europea na Sangriña impide que o plantel teña que realizar dous desprazamentos importantes en avión nunha mesma semana coas repercusións físicas que supón.
Esa é outra das vantaxes que este acordo presenta para o Atlético Guardés, cuxa Directiva celebra a boa disposición da súa homóloga sueca á hora de buscar a solución máis cómoda e beneficiosa para ambas partes. Nun momento de recortes e reaxustes co obxectivo de sanear as contas do club miñoto, o aforro que supón evitar esta viaxe é unha grande noticia, e a entidade só espera agora que a afección responda á chamada para encher A Sangriña en dúas xornadas que prometen grandes emocións de balonmán europeo. Non dubida, con todo, en que o fará, pois malia a incerteza vivida este verán a masa social do Club respondeu cun apoio notable e sen soltar a man ao proxecto deportivo, superando xa, a máis dunha semana de comezar a Liga, as cifras de socios nominativos con respecto aos últimos anos.
AXENDA
EHF European League | Round 2 – Ida
Boden Handboll IF – Club Balonmán Atlético Guardés
Sábado, 3 de outubro | 12.00 horas | A Sangriña
EHF European League | Round 2 – Volta
Club Balonmán Atlético Guardés – Boden Handboll IF
Domingo, 4 de outubro | 12.00 horas | A Sangriña

Ningún comentario:
Publicar un comentario