28 de set. de 2026

DEPORTES

BALONMÁN FEMININO

Os equipos xuvenil e infantil do Atlético Guardés clasifícanse á liga Ouro 

• As infantís e xuvenís da base baixomiñota finalizaron senllas eliminatorias de ascenso autonómica no primeiro posto dos seus respectivos grupos 

• Con pleno de vitorias para ambos os equipos, tanto as de María Doiro como as de Pablo Bresas e José Ignacio Prades xogarán na máxima competición autonómica unha tempada máis 

• A próxima fin de semana é a quenda das cadetes  


Os dous equipos - infantil, na imaxe superior, e xuvenil, na imaxe inferior - da canteira baixomiñota conseguiron esas ansiadas prazas na máxima categoría autonómica ao conseguir o liderado dos seus respectivos grupos
Fotos: CBAG

Redacción Deportes/A Guarda

 A base do Club Balonmán Atlético Guardés continúa no máis alto. Finalizadas as eliminatorias de ascenso á liga Ouro das categorías infantil e xuvenil femininas, este domingo os dous equipos da canteira baixomiñota conseguiron esas ansiadas prazas na máxima categoría autonómica ao conseguir o liderado dos seus respectivos grupos. 

 Coa finalización da eliminatoria infantil celebrada esta fin de semana na Sangriña, este domingo certificábase un novo pleno de vitorias para as de María Doiro. Tanto o venres, como o sábado, como onte pola mañá, as infantís leváronse o triunfo como anfitrioas ante o Balonmán Culleredo Remax Riazor (30-24), o Martínez & De Castro Tui MS (29-28) e o Atlético Novás (39-29), respectivamente. Tres vitorias moi traballadas, a segunda delas in extremis e pola mínima grazas a unha gran xestión de esforzos, que lles permitiron finalizar a fase no primeiro posto do Grupo B. Un feito que as devolve, así mesmo, á máxima competición autonómica, cunha praza nunha Liga Oro na que levan competindo os últimos seis anos sen falta. 

 Uns minutos antes, as xuvenís de Pablo Bresas e José Ignacio Prades facían o propio no pavillón municipal de Coia, selando igualmente un desempeño inmellorable. O seu terceiro triunfo ante o BM Caselas do domingo pola mañá (26-30) sumouse aos do venres e o sábado contra o Rodespi BM Cañiza (15-28) e o anfitrión XAC – Seis do Nadal (23-33); para terminar tamén a fase como líderes e acceder automaticamente a esa praza na liga Ouro da categoría. 

 Dous grandes inicios que dan pulo a un equipo cadete cuxo quenda chegará a próxima fin de semana. As de Prades e Bresas visitarán Culleredo este 2, 3 e 4 de outubro para medirse ao anfitrión BM Culleredo Sutenor xunto aos demais rivais do Grupo A, Javucho Publicidade BM Caselas e Garaysa Xiria; en busca desa praza na competición homóloga para completar a fazaña dos tres equipos da base guardesa. Os horarios desvelaranse ao longo desta nova semana. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario