O dúo KeiCos inaugura unha nova edición do ciclo Música&Románico de Tomiño
• Arsenio Keilin e Santi Costas fusionarán música tradicional e clásica con arranxos propios este venres 3 de xullo ás 20.30 h na igrexa de Santa María de Tomiño nun concerto con entrada libre
Infogauda/Tomiño
Pedra antiga, música viva e a emoción de escoitar nun espazo que ten séculos de historia. O ciclo Música&Románico regresa este verán para converter as igrexas románicas de Tomiño en escenarios únicos onde o patrimonio e a música se funden nunha experiencia que só se pode vivir aquí. A primeira cita da tempada será o venres 3 de xullo ás 20.30 horas na igrexa de Santa María de Tomiño, co concerto inaugural do dúo KeiCos.
Formado por Arsenio Keilin, ao violonchelo e piano, e Santi Costas, á guitarra, KeiCos propón unha fusión de música tradicional e clásica con arranxos propios que promete sorprender nunha das combinacións máis atractivas da programación cultural do municipio. Dous instrumentistas, dous mundos musicais e un espazo patrimonial único como marco.
O ciclo Música&Románico, impulsado polo Concello de Tomiño, continuará ao longo do verán con máis concertos nas igrexas románicas do municipio, consolidándose como unha das apostas culturais máis singulares e identitarias de Tomiño. A entrada é libre e gratuíta.
A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, quixo resaltar o valor deste programa musical “que combina dúas das maiores riquezas do noso municipio, o patrimonio histórico e a aposta pola cultura de calidade”. A rexedora animou ao público a achegarse e “desfrutar destes concertos únicos, en espazos moi especiais e de balde. Non hai escusa para non vir. E quen veña por primeira vez, estou segura de que volverá”.

Ningún comentario:
Publicar un comentario