23 de xuño de 2026

TOMIÑO

O Concello celebra o verán repartindo case 4.000 euros en premios entre comercios e veciñanza  

 A través da campaña Verán+Verán, o Concello galardoou á Mercería Chantilly, Estipel e Alimentación Olga pola súa decoración e repartiu vales de compra entre 42 persoas compradoras  


O salón de plenos acolleu o acto, no que o xurado deu a coñecer os comercios distinguidos tras valorar criterios como a creatividade, o impacto visual, a iluminación, a harmonía e a integración de elementos naturais e reciclados nas decoracións 
Foto:CT

Infogauda/Tomiño

 Mercar no comercio local ten agasallo en Tomiño. O Concello celebrou o acto de peche da súa campaña de promoción do comercio local Verán+Verán cunha entrega de galardóns e un sorteo de tíckets que rematou repartindo case 4.000 euros en premios entre os establecementos que mellor decoraron os seus escaparates e entre a veciñanza que apostou por facer as súas compras no municipio durante a tempada estival. 

 O salón de plenos acolleu o acto, no que o xurado deu a coñecer os comercios distinguidos tras valorar criterios como a creatividade, o impacto visual, a iluminación, a harmonía e a integración de elementos naturais e reciclados nas decoracións. O primeiro premio foi para Mercería Chantilly, o segundo para Celdis Estipel e o terceiro para Alimentación Olga, tres establecementos que co seu esforzo e imaxinación contribuíron a encher as rúas de Tomiño de cor e vida durante estas semanas. 

 Ademais dos galardóns á decoración, celebrouse o sorteo dos tíckets de compra entre a clientela participante. Un total de 42 persoas afortunadas recibiron parte dos 3.000 euros repartidos en premios, extraídos mediante mans inocentes das urnas dos distintos comercios adheridos á campaña. 

 A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, valorou o resultado desta campaña que  premia por partida dobre: aos comerciantes que poñen ilusión e creatividade nos seus escaparates e á veciñanza que decide mercar aquí, no seu municipio. Cando iso ocorre, todo o mundo gaña: os negocios, as familias e o pobo en conxunto”. 

 Pola súa banda, a concelleira de Comercio, Cristina Martínez, subliñou o valor colectivo da campaña, xa que cada escaparate decorado é unha declaración de intencións dun comerciante que cre no seu negocio e no seu concello. Esta campaña é unha forma de dinamizar o comercio local e darlle gracias a todos os establecementos implicados, recoñecendo publicamente ese esforzo e animándoos a seguir apostando por Tomiño”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario