O Camiño da Costa celebra os seus datos de récord cunha etapa popular con máis de 200 participantes entre Vigo e Redondela
• Máis de 200 persoas responderon á chamada da Xunta na andaina para reclamar a sinalización da ruta en Vigo
Infogauda/Vigo
Máis de 200 persoas participaron este domingo na III Etapa Popular Camiño da Costa, que se celebrou entre Vigo e Redondela, para reclamar que o tramo xacobeo polo concello vigués sexa sinalizado.
A andaina marcou o récord de participación tras a dúas primeiras edicións de 2024 (entre as parroquias viguesas de Saiáns e Teis) e de 2025 (entre Oia e Baiona).
A delegada territorial, Ana Ortiz; o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, e o comisario do Xacobeo 2027, Marcos Gómez Román; ademais de concelleiros de Vigo e Redondela como Fernando González Abeijón ou Javier Bas, encabezaron a andaina que partiu ás 09:00 horas desde o edificio administrativo da Delegación Territorial da Xunta de Galicia en Vigo e que rematou aproximadamente catro horas despois no albergue da Casa da Torre en Redondela.
Ana Ortiz destacou “rotundo éxito” da andaina e reclamou de novo que se sinalice o Camiño da Costa nas rúas viguesas. “Urxe que o Concello de Vigo marque o tramo ou permítanos marcar a ruta para que ningún peregrino pérdase”, sinalou a delegada territorial.
Pola súa banda, o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, salientou a oportunidade que brinda o bo momento que está a atravesar o Camiño Portugués da Costa que medra a un ritmo do 23% e que é quen de estender este bo comportamento a toda a actividade turística da cidade de Vigo e a súa contorna. Cunha alta internacionalización desta ruta, co 88% de peregrinos internacionais, “a negativa á sinalización no termo municipal amosa unha imaxe negativa do Camiño de Santiago, de Galicia e da propia cidade de Vigo”.
O comisario do Xacobeo 2027, Marcos Gómez Román, salientou o crecemento do Camiño Portugués da Costa nos últimos anos, destacando que esta ruta xa representa o 20,5% dos peregrinos que chegan a Santiago, consolidándose como o terceiro itinerario máis percorrido e achegándose progresivamente ao peso do Camiño Portugués de interior. Segundo sinalou, o feito de mercados como Estados Unidos ou Alemaña lideren a chegada de peregrinos evidencia a proxección internacional dunha ruta que se converteu nun motor de dinamización para todos os municipios polos que pasa, especialmente Vigo.
O Camiño Portugués da Costa xa superou no que vai de ano os 43.000 peregrinos, o que supón un 23% máis que en 2025. Ademais, os camiñantes son na súa maioría estranxeiros de alto poder adquisitivo, sobre todo norteamericanos e alemáns, mesmo máis que portugueses ou que os propios españois. Desde que foi declarado oficial, en maio de 2016, xa realizaron este roteiro máis de 300.000 persoas.
A Xunta de Galicia en Vigo organizou esta actividade coa colaboración da Dirección Xeral de Turismo. Na iniciativa colaboran a Federación Provincial de Comerciantes, a Federación Empresarial de Turismo e Hostalería de Pontevedra, Biscuits Galicia, Vodea, Coca-Cola e Gadis.

Ningún comentario:
Publicar un comentario