22 de xuño de 2026

A GUARDA

O CONCELLO DA GUARDA PRESENTA A NOVA AXENDA CULTURAL DO VERÁN 2026 BAIXO O LEMA “VOSTEDE ESTÁ (BEN) AQUÍ” 

• A publicación xa está dispoñible nas instalacións municipais cun renovado deseño, papel de alta calidade e un formato innovador 

 A nova edición incorpora un “secreto despregable” que converte a axenda nun recordo para conservar máis aló da tempada estival 


O alcalde da Guarda, Roberto José Álvarez Carrero e o concelleiro de Cultura e Deportes, Celso Rodríguez Fariñas, na presentación da Axenda Cultural do Verán 2026

Fotos: CAG
A publicación mantén o seu espírito de punto de encontro da actividade cultural guardesa, reunindo nun único soporte as propostas promovidas polo Concello, así como as organizadas por asociacións, colectivos e comisións de festas

Infogauda/A Guarda

 O Concello da Guarda ten xa a disposición da veciñanza a Axenda Cultural do Verán 2026, unha publicación que recolle as numerosas actividades culturais, festivas e sociais que se desenvolverán na vila durante os meses de xuño, xullo, agosto e setembro e que este ano chega cun formato completamente renovado. 

 Os exemplares poden recollerse nas distintas instalacións municipais, entre elas a Casa do Concello, o Centro Cultural, a Oficina de Turismo, o Albergue Municipal e o Museo do Mar, converténdose unha vez máis nunha ferramenta imprescindible para seguir a intensa programación estival da localidade. 

 O departamento de Cultura apostou este ano por unha renovación integral da imaxe e do formato da publicación, cun deseño fresco, actual e xuvenil, pensado para facilitar a consulta da programación e ofrecer unha experiencia máis coidada á cidadanía. A impresión en papel reciclado de alta densidade garante ademais unha maior durabilidade, permitindo conservar a axenda ao longo de todo o verán. 

 A publicación mantén o seu espírito de punto de encontro da actividade cultural guardesa, reunindo nun único soporte as propostas promovidas polo Concello, así como as organizadas por asociacións, colectivos e comisións de festas que contribúen a facer da Guarda unha vila dinámica, participativa e chea de vida. 

 Como principal novidade, a Axenda Cultural do Verán 2026 incorpora un “secreto despregable” interior que agocha unha homenaxe á identidade xeográfica e singularidade paisaxística da Guarda. Un elemento sorprendente que converte esta publicación nunha peza especial para gardar e coleccionar, que se a sumamos ao alto valor das propostas que contén fainos pensar se realmente existe un mellor sitio para pasar o verán, pois a verdade é que: “Vostede está (ben) aquí”. 

 Cómpre destacar que o deseño e impresión da Axenda Cultural do Verán 2026 contou coa subvención da liña 2 do Plan +Provincia da Deputación de Pontevedra. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario