24 de xuño de 2026

TOMIÑO

Tomiño completa o modelo urbano de recuperación de espazos públicos nos núcleos do Seixo e Goián  

• O Concello rematou as actuacións en República Arxentina e na Avenida Ordóñez coa conexión dos equipamentos públicos e a mellora da accesibilidade e mobilidade como eixo vertebrador  


A intervención na marxe sur da rúa República Arxentina pecha un traballo iniciado en fases anteriores coa mellora da marxe norte
Foto: CT

Infogauda/Tomiño 

 Dous núcleos, dúas intervencións e un mesmo obxectivo: recuperar o espazo público para as persoas. O Concello de Tomiño pon o punto final ás obras de mellora na Rúa República Arxentina, no Seixo, e na Avenida Ordóñez, en Goián, completando un modelo urbano coherente que transforma a accesibilidade e a mobilidade sostible no eixo vertebrador da vida dos seus núcleos. 

 Como sinala a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, con estas actuacións estratéxicas e planificadas, “o Concello segue apostando por un modelo de municipio amable, onde as persoas sexan as protagonistas e poidan camiñar, relacionarse e vivir o espazo público con comodidade e seguridade. Un traballo que levamos facendo dende hai anos e que tamén impulsamos nos nosos núcleos rurais que proba que este modelo funciona”. 

No Seixo, un itinerario peonil que o conecta todo 

 A intervención na marxe sur da rúa República Arxentina pecha un traballo iniciado en fases anteriores coa mellora da marxe norte. Agora, cun itinerario peonil continuo de 2,5 metros de ancho, queda completada a conexión accesible entre os principais equipamentos públicos do núcleo: o centro de saúde, o instituto, o pavillón da Carballa, o centro de día, a Policía Local e os servizos sociais. 

 A actuación incorporou unha plataforma única con zonas de estancia e axardinamento, medidas de calmado de tráfico cunha velocidade máxima de 30 km/h, a reconfiguración do viario entre a avenida República Arxentina e o edificio de Benestar Social, unha nova zona de estacionamento e o tramo posterior á Casa da Cultura ata o centro de atención a persoas con discapacidade. O resultado é unha conexión directa, homoxénea e totalmente accesible coa zona de preferencia peonil do Seixo. 

 Esta obra forma parte do proxecto integral Integra Tomiño, cofinanciado pola Deputación de Pontevedra a través do programa PON2030, cun investimento global de 1,3 millóns de euros que inclúe tamén a rehabilitación enerxética integral da Casa da Cultura, que en breve reabrirá as súas portas como novo espazo de referencia cultural e de lecer para o municipio. 

En Goián, modernización, seguridade e acceso na Avenida Ordóñez 

 En Goián, as obras na avenida Ordóñez modernizaron unha das vías principais do núcleo con actuacións que abranguen o reasfaltado integral da vía, a renovación das beirarrúas con materiais máis accesibles e resistentes e a adecuación do acceso ao aparcamento anexo, con máis de 200 prazas.  

 Unha mellora que beneficia especialmente á cativada e ás persoas maiores, que contan agora con itinerarios peonís máis amplos e accesibles, e que ten un impacto directo sobre o comercio local e a mobilidade de quen se achega á zona para facer xestións ou desfrutar dos espazos de lecer. 

 O Concello subliñou que estas actuacións forman parte dun plan integral que continuará coa modernización doutras rúas, a creación de novos espazos públicos de convivencia e a conexión con áreas periféricas, co obxectivo de ofrecer un municipio mellor organizado, máis cómodo e sostible para as necesidades actuais e futuras da cidadanía.

Ningún comentario:

Publicar un comentario