23 de xuño de 2026

A GUARDA

A PROXECCIÓN DE “MASPALOMAS” POÑERÁ O BROCHE DE OURO Á PROGRAMACIÓN DA VII A GUARDA DIVERSA   

• A cita terá lugar o 1 de xullo, ás 20:30 horas, no Centro Cultural de A Guarda


              

Infogauda/A Guarda

 O Concello da Guarda conmemora o Día Internacional do Orgullo LGTBIQ+ cunha proposta cultural e de sensibilización que pon o foco na diversidade, na liberdade e no respecto como piares fundamentais da convivencia. 

 Nesta ocasión, a programación da A Guarda Diversa pecha a súa séptima edición cunha proxección que reflexiona arredor da realidade das persoas LGTBIQ+ e da importancia de construír espazos seguros e inclusivos para todas as idades. 

 O público poderá desfrutar de Maspalomas, unha das películas españolas máis destacadas da tempada, que aborda con sensibilidade temas como a liberdade persoal, o envellecemento e o dereito a vivir a propia identidade sen medo nin ocultación. 

 Dirixida por Aitor Arregi e José Mari Goenaga, a cinta conta cun amplo recoñecemento nacional e internacional, incluíndo premios e nomeamentos nos Goya, nos Feroz e no Festival de San Sebastián, onde foi distinguida a interpretación de José Ramón Soroiz. 

 A actividade terá lugar o 1 de xullo, ás 20:30 horas, no Centro Cultural da Guarda, con entrada libre e gratuíta ata completar a cabida. 

 Esta proxección supón o broche final a unha edición que tivo como eixo principal a educación e a sensibilización entre a mocidade da vila a través dos obradoiros “Rachando cos marcos: educación para a diversidade”, desenvolvidos nos centros educativos guardeses durante os meses de maio e xuño. 

 A iniciativa estivo dirixida ao alumnado de 1º da ESO e permitiu traballar aspectos relacionados coa diversidade afectivo-sexual e de xénero, fomentando a reflexión crítica sobre os estereotipos e prexuízos, así como a creación de espazos seguros, respectuosos e inclusivos nas aulas. 

 Os obradoiros celebráronse no IES A Sangriña, no colexio PP. Somascos e no colexio Carmelitas, contando cunha importante participación do alumnado e contribuíndo a promover valores de igualdade, respecto e convivencia. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario