16 de xuño de 2026

NIGRÁN

Xunta Local de Seguridade   

Abel Losada subliña o reforzo da vixilancia para garantir un San Xoán seguro en Nigrán 

O subdelegado do Goberno copresidiu a Xunta Local de Seguridade xunto ao alcalde do municipio, Juan Antonio González Pérez 

 O operativo reforzará os controis e as sancións para evitar fogueiras, buratos e a entrada de materiais prohibidos nos areais

•  Drons e o equipo PEGASO da Garda Civil vixiarán desde o aire o cumprimento da normativa durante toda a xornada de San Xoán

 

O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, copresidiu hoxe xunto ao alcalde de Nigrán, Juan Antonio González Pérez, a Xunta Local de Seguridade. Na reunión participaron representantes da Garda Civil, da Policía Local e de Protección Civil, así como membros do equipo de goberno municipal

Foto: SdoG

Infogauda/Nigrán

 O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, copresidiu hoxe xunto ao alcalde de Nigrán, Juan Antonio González Pérez, a Xunta Local de Seguridade convocada para coordinar o dispositivo especial da Festa de San Xoán, que se celebrará na noite do 23 ao 24 de xuño e que este ano contará cunha afluencia especialmente elevada ao ser festivo autonómico. 

 Na reunión participaron representantes da Garda Civil, da Policía Local e de Protección Civil, así como membros do equipo de goberno municipal, que analizaron o plan operativo previsto para garantir a seguridade durante unha celebración que cada ano reúne milleiros de persoas nos areais do municipio. 

 Abel Losada destacou a “excelente coordinación entre todas as administracións e os corpos de seguridade implicados”, agradecendo o traballo conxunto que permite afrontar con garantías un evento destas dimensións. Pola súa banda, o alcalde expresou a súa confianza en que a celebración volva desenvolverse “sen incidentes e co mesmo éxito das edicións anteriores”. 

 O operativo manterá a estrutura aplicada con éxito o pasado ano e centrarase na protección dos areais, a prevención de riscos e a regulación da mobilidade. As autoridades fixeron un chamamento á responsabilidade cidadá para preservar o espazo natural e garantir unha celebración segura e respectuosa co medio ambiente. 

 O día 23 desde a mañá estableceranse controis nos accesos ás praias para impedir a entrada con leña, palas e outros utensilios destinados á realización de fogueiras ou buratos na area. A Policía Local e os equipos de Protección Civil realizarán labores de vixilancia permanente nos accesos e procederán á denuncia das persoas que incumpran estas restricións. As autoridades lembraron que a realización de fogueiras, escavacións ou calquera outra actuación que poida danar o espazo natural está expresamente prohibida e será sancionada. 

 A Garda Civil reforzará a vixilancia desde o aire mediante o uso de drons, que permitirán supervisar en tempo real a situación dos areais, detectar a realización de fogueiras ou buratos e controlar a evolución da afluencia de persoas. Ademais, o operativo contará coa participación do equipo PEGASO da Garda Civil, que prestará apoio ás tarefas de control e seguridade durante a celebración. As imaxes captadas facilitarán a coordinación dos distintos servizos e permitirán detectar posibles incumprimentos da normativa. 

 O dispositivo incluirá igualmente a activación dun Posto de Mando Avanzado (PMA), desde o que se coordinarán todos os recursos de seguridade e emerxencias despregados no municipio. Xunto aos efectivos da Garda Civil e da Policía Local, Protección Civil mobilizará equipos específicos para o control dos accesos aos areais e a atención de incidencias, reforzando así a capacidade de resposta ante a elevada afluencia de público prevista para esta edición. 

 Co obxectivo de reducir o impacto ambiental da celebración, repartiranse bolsas para residuos nos accesos ás praias e manteranse os dispositivos especiais de limpeza que tan bos resultados ofreceron o pasado ano, permitindo que os areais recuperasen a normalidade poucas horas despois da festa. 

 Abel Losada incidiu en que “a prevención será a clave do dispositivo deste ano”. “Non se permitirá a entrada con madeira nin con materiais para facer fogueiras ou buratos na area, e os incumprimentos serán sancionados. O noso obxectivo é que San Xoán sexa unha festa segura, compatible coa protección dos areais e co desfrute responsable dun espazo natural que é de todos”, concluíu.

Ningún comentario:

Publicar un comentario