16 de xuño de 2026

DEPORTES

BALONMÁN FEMININO

O Guardés pecha unha etapa de sete anos con Estela Carrera 

A porteira, de baixa por maternidade esta última tempada, non se reincorporará ao equipol guardés e desvincúlase do Club definitivamente 

Carrera e a entidade baixomiñota pechan así un camiño xuntos de sete anos, repartidos en dúas etapas dende 2015 

A gardameta é o sexto nome que cae do Guardés 2026/2027, xunto a Jazmín Mendoza, Amandine Balzinc, María Sancha, Ariana Portillo e Lorena Téllez, apuntando a un curso vindeiro de cambios no cadro de persoal branquivermello 


Estela Carrera, nunha imaxe de arquivo, celebrando un logro do equipo nun encontro no pavillón da Sangriña
Foto: SportCoeco

Redacción Deportes/A Guarda 

 O Atlético Guardés confirma unha nova baixa, que afecta esta vez a unha das súas xogadoras históricas: a campioa de Liga e gardameta Estela Carrera, de baixa por maternidade na recentemente pechada tempada 2025/2026, non se reincorporará ao plantel baixomiñoto e pecha así unha etapa de sete anos da man da entidade, repartidos en dous períodos dende 2015. A eldense convértese así no sexto nome que cae do Guardés do vindeiro curso, apuntando a unha importante restruturación no futuro próximo da escuadra branquivermella. 

 A porteira chegou á Guarda por primeira vez no ano 2015, formando parte da mellor etapa do seu equipo ata entón, na que coroou o título da Liga 2016/2017 e foi escollida mellor gardameta da competición. Marchou no 2019 para volver no ano 2023, a partir do que retomou o seu crucial papel baixo os paus baixomiñotos como veterana dun equipo no que xa é un nome histórico. Carrera debeu vivir, con todo, a campaña recentemente finalizada de xeito algo diferente, afastada das pistas debido á baixa por maternidade que anunciaba o pasado mes de xullo. Cun máis na familia e contribuíndo ao título europeo dende a bancada, a eldense despídese agora dunha entidade á que estivo vencellada durante sete anos. 

 O Club Balonmán Atlético Guardés agradece a Estela Carrera por estes sete anos nos que se converteu nun auténtico símbolo dos maiores logros do seu plantel. Moita sorte, Estela! 

 Estela Carrera é a sexta xogadora en abandonar o cadro de persoal de cara á próxima tempada 2026/2027, uníndose a Jazmín Mendoza, Amandine Balzinc, María Sancha, Ariana Portillo e Lorena Téllez; e augurando unha nova etapa no proxecto. Transcenderon tamén a saída de Ana Seabra á fronte do corpo técnico e a continuidade de Cristina Cifuentes, Cecilia Cacheda, María Palomo e Ania Ramos. Nos próximos días iranse concretando os demais detalles para o curso vindeiro.

Ningún comentario:

Publicar un comentario