BALONMÁN FEMININO
África Sempere recibe a Medalla e Insignia de Bronce 2026 da RFEBM
• A Real Federación Española recoñeceu a traxectoria da xogadora do Guardés entre os seus Premios Nacionais deste peche de tempada
• O galardón recoñece o seu labor e traballo ata a súa retirada das pistas o pasado curso, así como o seu regreso puntual para cubrir a baixa de Cristina Cifuentes e coroarse campioa da EHF European Cup
África Sempere recolleu o galardón nunha gala celebrada o pasado 20 de xuño en Orihuela
Foto: RFEBM / J. L. Recio
Redacción Deportes/A Guarda
O Atlético Guardés ve recoñecida a nivel nacional a traxectoria dunha das súas xogadoras insignes. Hai unhas semanas, África Sempere foi premiada coa Medalla e Insignia de Bronce 2026, terceiro galardón na categoría de xogadores e xogadoras dos Premios Nacionais que a Real Federación Española de Balonmán (RFEBM) entrega ao cabo de cada tempada.
Este mérito chega como colofón á carreira deportiva dunha das atletas con maior percorrido no club baixomiñoto. En maio de 2025, despois de 15 anos de carreira - oito dos cales militou no Atlético Guardés -, Sempere anunciaba a súa retirada do balonmán profesional, poñendo fin a un exitoso periplo no que logrou coroarse cunha Liga (2016/2017) e unha Supercopa de España (2021/2022); alén de facerse un nome como unha dos mellores pivotes do balonmán estatal. A súa saída das pistas alcanzou unha paréntese a finais do 2025, cando a ilicitana decidiu volver do seu retiro para cubrir a baixa da súa amiga Cristina Cifuentes no que fora o Club da súa vida. E fíxoo da mellor forma posible: achegando de xeito fundamental ao grupo, tanto no deportivo como a nivel humano, e conquistando o segundo título da historia guardesa cunha EHF European Cup 2025/2026 que a converte, ademais, na balonmanista máis laureada da historia da entidade.
Por todo iso, a Federación quixo recoñecer este percorrido, o seu labor e o seu traballo polo deporte durante tantos anos, outorgándolle unha Medalla e Insignia de Bronce que comparte con outras nove premiadas, entre as que se atopan as tamén exguardesas Estela Doiro e Jennifer Gutiérrez. Sempere recolleu o galardón en persoa o pasado 20 de xuño, na gala celebrada no Teatro Circo de Orihuela.

Ningún comentario:
Publicar un comentario