A Secretaría Xeral da Lingua censura o traballo gañador do Concurso das Letras Galegas 2026
Infogauda / Vigo
Na mañá deste martes, 12 de maio de 2026, recibimos na Redacción deste xornal dixital transfronteirizo, á seguinte nota:
"Profesorado do grupo de traballo do IES Castelao de Vigo que resultou gañador do Concurso-Exposición sobre a escritora e xornalista Begoña Caamaño, a figura homenaxeada no Día das Letras Galegas en 2026, denuncia a censura por parte da Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia ao impoñer unha modificación no proxecto sen o consentimento das súas autoras e autores.
Queremos poñer en coñecemento da opinión pública o que consideramos unha vulneración inaceptable dos dereitos de propiedade intelectual e un intento de ocultación do contexto ideolóxico da autora.
Tras outorgarnos o premio do concurso, e antes da exposición deste traballo en centros de ensino galegos e estranxeiros, a Secretaría acordou con nós unha serie de modificacións que aceptamos na súa maioría, a excepción da eliminación da bandeira galega coa estrela que figuraba nunha das ilustracións.
O profesorado participante na elaboración do proxecto negouse unanimemente á súa eliminación, por considerala parte do período vital da figura e necesaria para a súa comprensión. Seguindo as palabras da académica da RAG Ana Romaní na súa biografía de Begoña Caamaño: “A dimensión política está sempre na lectura da realidade de Begoña Caamaño, tanto no xornalismo como na ficción (...)”.
Non obstante, dada a insistencia do persoal técnico, aceptamos revisar unha proposta de modificación por parte da Secretaría que nunca nos foi enviada. Unha vez publicado o traballo, constatamos a eliminación da estrela e incluso a deturpación da bandeira, polo que lle solicitamos á Secretaría unha explicación argumentada, amparándonos na Lei de Propiedade Intelectual (Capítulo III, sección 1ª. Dereito moral, artigo 14, punto 4), dado que o seu proceder vulnera a citada lei e as propias bases do concurso (que mencionan expresamente o necesario acordo cos autores de calquera modificación; puntos 15 e 16). A súa resposta escusa o feito como parte dos “axustes establecidos” e como un erro da imprenta a deformación da bandeira. Ademais, non explica por que nunca foi enviado a proposta alternativa nin xustifica a vulneración da Lei da Propiedade Intelectual.
En consecuencia, decidímonos a facer público o que consideramos un xeito intolerable de proceder por parte da Administración pública e esiximos o máximo respecto pola liberdade de creación e pola adscrición ideolóxica das persoas, ao tempo que rexeitamos os intentos de desvirtuar e ocultar aspectos necesarios para a completa comprensión da figura que representa a autora homenaxeada".
PD: Ligazón ás mostras gañadoras no Portal da Lingua Galega da Secretaría Xeral da Lingua: Mostras gañadoras do Concurso-Exposición Letras Galegas 2026 - Portal da Lingua Galega
.jpg)

Ningún comentario:
Publicar un comentario