Desconvocada a folga na recollida do lixo de Vigo tras aprobar a asemblea o acordo sobre o convenio colectivo
• O pacto coa empresa FCC garante a xubilación parcial e unha suba de soldos que permite o mantemento do poder adquisitivo
Infogauda/Vigo
A folga indefinida iniciada o pasado domingo no servizo de recollida do lixo e limpeza viaria do Concello de Vigo quedou finalmente desconvocada onte pola noite unha vez que a asemblea de persoas traballadoras ratificou o preacordo que pactaran o comité e a concesionaria durante a tarde. O cadro de persoal valorou moi positivamente o feito de que se garanta a xubilación parcial e o mantemento do poder adquisitivo.
Fixeron falta preto de sete horas de xuntanza para pechar un preacordo que contempla as principais reivindicación que motivaran o inicio dun conflito que se prolongou durante catro días e que xa se estaba deixando notar coa acumulación de lixo no exterior dos colectores. Nese tempo o cadro de persoal desenvolveu tamén distintas protestas, tanto polas rúas da cidade como diante das oficinas da empresa e ás portas do propio consistorio.
O preacordo foi pactado arredor das 21:00 horas e aprobado por ampla maioría (máis de 300 votos a favor e 10 abstencións) na asemblea celebrada na nave da empresa, na estrada de Camposancos, ás 22:00 horas. Contempla o mantemento da xubilación parcial, unha suba salarial total de 10,5% nos catro anos de vixencia do convenio (2026-2029), un acordo para garantir actualización de soldos a IPC no seguinte prego de condicións do concurso e dous días máis de asuntos propios.
O persoal valorou moi positivamente o feito de que se manteña o poder adquisitivo e a xubilación parcial, optando por ratificar o acordo e desconvocado a folga indefinida, polo que a recollida do lixo e a limpeza viaria retomouse con normalidade ás 6:00 horas de hoxe xoves.

Ningún comentario:
Publicar un comentario