13 de maio de 2026

TOMIÑO

Tomiño impulsa o seu tecido asociativo con 100.000 euros para as subvencións a entidades culturais, sociais e deportivas  

  O Concello abre o prazo de solicitudes destas axudas municipais destinadas a apoiar as actividades de entidades sen fin de lucro durante o 2026  


O Concello vén de abrir o prazo de solicitude das subvencións municipais dirixidas a entidades culturais, sociais e deportivas sen fin de lucro

Foto: C.T.

Infogauda/Tomiño 

 Tomiño segue traballando para facer medrar a súa vida cultural, deportiva e social cun novo impulso económico directo ao tecido asociativo do municipio. O Concello vén de abrir o prazo de solicitude das subvencións municipais dirixidas a entidades culturais, sociais e deportivas sen fin de lucro, cun investimento total de 100.000 euros para o ano 2026. 

 O obxectivo é continuar contribuído á dinamización do municipio e ao fortalecemento das entidades que traballan día a día coa veciñanza. Para a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, estas subvencións que saca cada ano o Concello “son unha  ferramenta de apoio estable ao tecido local. Con estas axudas mantemos o noso compromiso e apoio a todas as entidades sen ánimo de lucro, colaborando con todas elas para sufragar os gastos das actividades programadas durante o ano e contribuíndo a dinamizar o noso concello, fomentar o benestar social da veciñanza e promover a cultura e o deporte”. 

 No ámbito cultural, as subvencións están destinadas a entidades sen ánimo de lucro que promovan proxectos que fomenten os intereses xerais ou sectoriais da poboación, con especial atención á recuperación e promoción da cultura e das tradicións locais. Pola súa banda, no eido deportivo, poderán beneficiarse entidades deportivas e deportistas individuais de Tomiño, co fin de apoiar a participación en competicións oficiais e o desenvolvemento de actividades deportivas durante 2026, promovendo a práctica deportiva como ferramenta de saúde e cohesión social. No caso das axudas sociais, están dirixidas a entidades que traballen en proxectos de benestar social, prevención, asistencia e inclusión, así como iniciativas de sensibilización e participación cidadá dentro do ámbito dos Servizos Sociais municipais. 

 O prazo para presentar solicitudes permanecerá aberto ata o 8 de xuño, e toda a información relativa á convocatoria pode consultarse a través das canles oficiais do Concello de Tomiño. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario