9 de maio de 2026

PONTEVEDRA

A Deputación recomenda unha vixilancia constante do mildio ante o inicio da floración da viña e a continuidade da inestabilidade meteorolóxica 

•  O persoal técnico do Areeiro destaca que, malia a aparición dalgúns acios afectados no Salnés, o estado xeral das viñas segue sendo bo e con escasa presenza de síntomas


Manchas de black rot en videira abandonada na zona do Condado
Foto: D.PO.

Infogauda / Pontevedra

 A Deputación de Pontevedra, a través da Estación Fitopatolóxica do Areeiro, recomenda manter unha vixilancia constante dos viñedos ante a evolución do mildio e a persistencia dunha primavera marcada pola inestabilidade meteorolóxica, coincidindo ademais co inicio da floración en numerosas parcelas da provincia. O persoal técnico sinala que esta semana se observaron en todas as zonas os primeiros acios de albariño iniciando a floración, aínda que non de forma xeneralizada, apreciándose nalgúns casos incluso o froito formado, o que confirma o avance fenolóxico da vide nun dos momentos de maior sensibilidade fronte ás enfermidades fúnxicas.  

 A climatoloxía dos últimos días caracterizouse pola alternancia de períodos solleiros e temperaturas suaves con episodios de choiva e tormentas, que deixaron rexistros moi dispares segundo as zonas, mentres que as temperaturas mínimas mantivéronse relativamente baixas para a época, o que contribuíu a frear o desenvolvemento do mildio e a manter reducida a presenza de esporanxios de Plasmopara viticola nos captadores instalados tanto en Areeiro como en Sanxenxo.  

 Nas revisións realizadas esta semana, a Deputación constatou en xeral un bo estado sanitario das viñas, aínda que con situacións diferentes segundo os predio. Na maioría das parcelas observáronse poucas manchas e ben controladas, sen afectación nos acios, incluso en viñas con só dous tratamentos realizados. Con todo, nalgunhas parcelas da comarca do Salnés detectáronse acios afectados e con presenza de frutificación do fungo, coincidindo coas informacións trasladadas nos últimos días por persoal técnico e viticultores e viticultoras. Tamén se observaron zonas con avance de manchas xa existentes nalgunhas viñas.  

 O persoal técnico fai fincapé en que, nas parcelas revisadas, as manchas se localizaron principalmente nas follas da parte baixa dos pampos, mantendo sas as partes superiores e os novos crecementos. Tendo en conta que as previsións apuntan á continuidade da inestabilidade atmosférica, con alternancia de períodos secos e episodios de choiva, a recomendación principal é manter unha vixilancia constante dos viñedos para detectar a aparición de nova sintomatoloxía ou a evolución da xa existente. No caso de ser necesario renovar os tratamentos, aconséllase empregar funxicidas de diferente grupo químico para evitar resistencias.  

 Ademais, nesta fase de inicio da floración e formación do froito, recoméndase evitar traballar a terra para non danar as raíces nin favorecer a proxección de esporas acumuladas no solo. Si recomendan as rozas nos predios con exceso de vexetación acompañante, como medida cultural imprescindible para garantir a sanidade da viña.  

Oidio, black rot e outras incidencias  

 A Deputación informa tamén de que non se detectaron síntomas de oídio nas viñas revisadas, nin sequera nas variedades máis sensibles. Pero dada a proximidade da floración, recoméndase incorporar un tratamento antioídio no caso de renovar o antimildio.  

 No relativo ao black rot, observouse un lixeiro incremento das manchas en follas de plantas abandonadas, especialmente na comarca do Condado, así como nalgunhas follas illadas de viñas tratadas. Aínda así, debido á escasa presenza de síntomas e ás temperaturas relativamente frías previstas, considérase que o risco actual non é especialmente elevado.  

 En canto ás avelaíñas do acio, só se rexistraron capturas reducidas de Lobesia botrana en dúas parcelas do Rosal e nunha do Condado, mentres que Eupoecilia ambiguella continúa sen aparecer nas trampas. A partir de agora, o persoal técnico tamén recomenda prestar especial atención á posible aparición das primeiras ninfas de Scaphoideus titanus, insecto vector da flavescencia dourada, cuxo período de nacemento está próximo segundo os datos doutras campañas.  

 Así mesmo, debido á elevada humidade desta primavera, aconséllase retirar de inmediato as plantas mortas ou restos vexetais afectados por enfermidades da madeira para evitar a liberación de esporas que poidan infectar ás cepas próximas.  

Maceira, pataca e buxo  

 Nas maceiras revisadas non se detectaron síntomas de moteado, aínda que si presenza de pulgón cincento e capturas puntuais de Cydia pomonella. Coas condicións meteorolóxicas previstas, húmidas pero frescas, a Deputación considera que polo momento non son necesarios tratamentos.  

 No caso da pataca, todas as parcelas visitadas presentaban un estado sanitario moi bo, sen síntomas de enfermidades e cun desenvolvemento vexetativo destacado. Só se observaron danos leves provocados por “pulguillas” e presenza puntual de caracois. Tampouco neste cultivo se consideran imprescindibles os tratamentos, salvo en parcelas máis abrigadas e cálidas onde poida existir maior risco de mildio. Por último, no buxo aínda non se produciu o nacemento dos primeiros adultos da bolboreta Cydalima perspectalis, e a presenza do fungo Calonectria pseudonaviculata continúa sendo moi puntual.

Ningún comentario:

Publicar un comentario