13 de maio de 2026

TOMIÑO

As concelleiras do Grupo municipal do PSdeG-PSOE de Tomiño esixen coherencia ao goberno local 

• E lembran que as melloras viarias son unha reclamación histórica das concelleiras socialistas  


Violeta De Santiago e Mirta Misa, concelleiras do Grupo municipal do PSdeG-PSOE de Tomiño, no pleno da pasada semana
Foto: GMS

Redacción/Tomiño

 No pleno celebrado o pasado xoves día 7 en Tomiño, as concelleiras do Grupo municipal do mPSdeG-PSOE votaron a favor da iniciativa do goberno local para instar á Xunta de Galicia a intervir no viario autonómico do concello. O Grupo Socialista considera que estas actuacións son prioritarias e urxentes para garantir a seguridade viaria e peonil. 

 A voceira socialista, Violeta de Santiago, lembrou que estas necesidades foron levadas ao pleno polo seu grupo en numerosas ocasións, sen que ata o de agora se producise ningunha mellora nin iniciativa por parte do goberno municipal. Violeta De Santiago evidenciou que o 20 de febreiro deste mesmo ano xa presentaron unha iniciativa no Parlamento de Galicia reclamando á Xunta a construción dunha rotonda en Santa María de Tebra, así como beirarrúas dende San Salvador de Tebra. 

 Doutra banda, hai apenas un mes, o Grupo Socialista presentou outra iniciativa no Parlamento esixindo á Xunta que acometa a seguridade peonil na estrada PO-344 ao seu paso polo Barro. Trátase dunha demanda histórica da veciñanza que cobra máis relevancia se cabe tras a traxedia ocorrida nese punto tan só tres días despois de presentarse a proposta. 

 Desde o PSdeG-PSOE critican e afean que o goberno local se lembre destas carencias agora, a un ano das eleccións, mentres os camiños municipais presentan un estado deplorable en todas as parroquias. Por iso, instan ao executivo de Tomiño a "poñerse mans á obra" coas súas competencias e a non limitarse a facerse eco do traballo realizado polas socialistas. 

Moción sobre as marquesinas 

 Respecto á moción das marquesinas, o grupo socialista lembrou que xa no pleno de setembro de 2023 denunciaron o estado de abandono que presentan en todo o territorio tomiñés. Naquel momento, a resposta do voceiro do BNG foi que a Xunta xa tiña un plan de mellora e que non desexaba entrar en debate sobre o tema. 

 As concelleiras socialistas criticaron duramente que, no ano 2014, o goberno local presentase "a bombo e platillo" un modelo propio de marquesiña para unificar a imaxe do concello; un proxecto que supuxo un importante investimento público para a veciñanza e que, como tantos outros, "quedou no fondo dun caixón". Por último, reclamaron coherencia política e traballo real fronte a unha estratexia baseada en "notas de prensa, fotos e iniciativas claramente electoralistas".   

Ningún comentario:

Publicar un comentario