9 de maio de 2026

DEPORTES

BALONMÁN FEMININO

O Guardés métese na súa segunda final copeira contra vento e marea (20-24) 

O equipo baixomiñoto volveu mostrar a súa mellor versión este sábado ao saír airoso dunha polémica semifinal da XLVII Copa da Raíña ante o Rocasa Gran Canaria  

O Guardés sostivo unha primeira parte igualada para facerse grande á volta do descanso, aínda que as canarias se aproveitaron de varios erros no epílogo para remontar catro goles de desvantaxe. O último, o do empate, foi un sete metros, fóra de tempo por decisión arbitral tras mostrar cartón vermello por sabotaxe a Carme Castro no minuto 60 

As de Ana Seabra volveron estar moi equilibradas en ataque, lideradas por Cecilia Cacheda, María Sancha e Blazka Hauptman, con catro goles esta última. Pero a estrela do encontro foi Amandine Balzinc, escollida MVP desta semifinal polas súas 19 paradas 

O Mecalia xogarase este domingo, ás 13.30 horas o título copeiro por segunda vez en toda a súa historia e catro anos despois da primeira, en 2022. O seu rival será o Super Amara Bera Bera 


Seareiros do Mecalia Atlético Guardés desprazados a Donostia, celebrando desde ás bancadas, a merecida vitoria do seu equipo
Fotos: RFEBM / J. L. Recio
Ao remate do encontro, as xogadoras do Mecalia Atlético Guardés compartiron o seu xúbilo cos seareiros que as están arroupando en Donostia 

Redacción Deportes / Donostia 

 O Mecalia Atlético Guardés continúa facendo historia. As de Ana Seabra loitaron contra vento e marea este sábado na semifinal ante o Rocasa Gran Canaria para seguir avanzando na XLVII Copa da Raíña e meterse na ansiada final polo título, algo que só conseguiu noutra ocasión en toda a súa historia, no ano 2022. O encontro comezou moi igualado e con goles moi escasos, chegando 9-10 ao descanso cando as galegas mostraban xa algo de superioridade. A vantaxe baixomiñota alzouse á volta do descanso, chegando a soster unha renda de catro tantos, pero que se desvaneceu nos minutos finais por unha serie de erros, así como por un cartón vermello a Carme Castro por sabotaxe que outorgou os sete metros do empate ao conxunto canario (18-18, min. 60). Pero a misión estaba xa instaurada na mente das guardesas, que se deixaron a pel sen peros na prórroga de dez minutos para facerse co pase á histórica final cun marcador catro goles por encima (20-24, final). A estrela e MVP, Amandine Balzinc con 19 paradas, clave para compensar un ataque moi coordinado e repartido entre Cacheda, Sancha e Hauptman (4 goles). A final xogarase este domingo ás 13.30 horas tendo como rival ao Super Amara Bera Bera. 

 O choque frontal entre dúas defensas contundentes que supoñía esta primeira semifinal copeira deixou o inicio de partido cunha seca de goles de case cinco minutos. Foi Lorena Téllez a primeira en rompela, encaixando o acerto pioneiro do encontro na rede de Silvia Navarro, despois de varias xogadas sen resultado no marcador por ambas as bandas (0-1, min. 5). E aínda que o Rocasa tivo a ocasión de estrearse co lanzamento desde sete metros de Linnea Sundholm, a sueca topouse co traveseiro xusto antes de que Téllez anotase o segundo (0-2, min. 7).  

 Tivo que esperar o conxunto canario outro intre máis para estrearse de man de Larissa Da Silva, quen pareceu abrir a veda para que as súas empatasen a contenda xusto despois (2-2, min. 9). Comezaba a quentarse o ritmo do partido e ambos os ataques espertaban para loitar polo ansiado pase á final, aínda que todo apuntaba a que sería un partido de marcador baixo.  

 Pouco despois definíase xa unha lixeira superioridade guardesa, posible grazas a unha protección da portería sólida que resultaba nunha baixa porcentaxe de acerto das insulares. A exclusión de Almudena Rodríguez tras unha acción sobre unha María Sancha que debeu abandonar o campo dolorida deu máis ás a un equipo baixomiñoto que chegaba ao ecuador desta primeira parte á cabeza (3-6, min. 14), e fronte a un rival que só lograra anotar tres goles en quince minutos. 

 Comezou entón a xerar máis ocasións o conxunto de Dejan Ojeda, e nin Amandine Balzinc, que tiña outro gran día baixo paus e freaba tantos balóns canarios como podía, logrou evitar que as de Telde volvesen empatar no luminoso (6-6, min. 21). Eran, agora, sete minutos sen anotar para un Mecalia que acababa de encaixar un 3-0 do que debía aprender canto antes.  

 Pero Silvia Navarro convertérase nun muro infranqueable que comezaba a impedir a entrada a todos os balóns guardeses. Aínda que a nova proposta ofensiva, a sete xogadoras agora, era xa máis eficaz á hora de pillar desprevida á barreira verde, a veterana gardameta leu as intencións das de Ana Seabra ata en tres ocasións seguidas, deixando sen moito máis que facer a un equipo baixomiñoto que volvía soportar empate tras empate (7-7, min. 24).  

 Colleu algo de aire o Guardés cun novo gol de Ceci Cacheda, que era o primeiro en cinco minutos para as súas e supoñía un paso importante en canto a saír do bloqueo no que ameazaban con entrar. Seguiuna ademais Carme Castro, e entre as dúas galegas construíron unha vantaxe de dous goles que pecharía esta primeira parte cun marcador algo máis seguro para a continuación, de non ser polas ganas de María González de ter a última palabra antes de irse aos vestiarios (8-9, min. 30). 

 As de Seabra saíron á pista á continuación decididas a conseguir ese extra que lles dese o billete finalista. E nesa dirección remaba a primeira acción desde o chifre, un penalti de Elena Martinez que recuperaba unha valiosa renda de dous goles que tocaba traballar por manter (8-10, min. 31). Pero nos seus trece mantíñase un Rocasa disposto a dar a batalla e consciente de que un par de detalles podían cambiar as tornas ao seu favor, como demostraban as táboas que volvía colocar nos luminoso minutos despois (11-11, min. 37).  

 A defensa insular era agora agresiva e insistente, sen deixar respirar a Cacheda na súa misión de liderar ás súas para achegarse á súa porta. As canarias respondían agora cada acción galega e Ana Seabra quixo tomar cartas no asunto, pedindo parar o tempo para cambiar de plans (12-12, min. 38). Pero non serviu de moito, pois as da Guarda comezaron agora a perder balón tras balón e regalaron ao Rocasa a oportunidade de poñerse por diante por primeira vez en todo o encontro, imitando ademais a maior vantaxe ata o de agora (14-12, min. 41).  

 Aínda que quedaba moito por diante, estaba a ter serios problemas o equipo baixomiñoto agora para penetrar nunha barreira teldense na que non entraba nin un alfinete. Cada gol custaba moitos minutos de ardua insistencia nos seis metros, pero a base de propoñer unha reacción defensiva igualmente contundente e de facer callo no ataque, un dobrete de Blazka Hauptman conseguía recuperar as táboas, dirixindo o partido a un cuarto final non apto para cardíacos (14-14, min. 45).  

 O Guardés xa tiña en mente a misión e, a pesar do lanzamento de sete metros esta vez errado de Elena Martínez, a aparición de Carme Castro desde o extremo recuperaba por fin o liderado con acento baixomiñoto. Tamén Balzinc seguía ao seu e enfocada no obxectivo ineludible, superando xa as dez paradas para impedir ao Rocasa aproveitarse da superioridade numérica que lle outorgou a exclusión de Blazka Hauptman (14-15, min. 50). Por diante, dez minutos nos que calquera detalle podería marcar a diferenza e habería que sacar petróleo de toda ocasión mínima para manterse por diante.  

 Niso estaban as de Ana Seabra, que seguiron ao seu e en canto recuperaron á eslovena asestaron dous goles máis para completar un parcial que xa chegaba ao 0-5 e deixaba ao conxunto verde nunha seca de máis de dez minutos e tendo que superar a maior vantaxe do encontro ata entón (14-17, min. 51). Chamaba agora o técnico Ojeda ao tempo morto con esperanzas de reverter a crecida guardesa, pero ao reinicio nin María González desde os sete metros puido desfacerse do imán que seguía conectando aos balóns verdes co pau da portería baixomiñota, mentres as súas donas seguían ao seu (14-18, min. 53).  

 Pero chegou María Zaldua para dar algo de osíxeno ás súas e lembrou ao Guardés que aínda non había nada decidido, a pesar da gran actuación que estaban a defender nesta segunda metade por segundo día consecutivo. Un segundo acerto de Almudena Rodríguez facía saltar as alarmas e apertaba aínda máis o ambiente a falta de tres minutos escasos para terminar (16-18, min. 57), momento a partir do cal Illunbe converteuse nunha auténtica tolemia. Tras un tempo morto solicitado de novo polo conxunto insular, o Guardés concorreu en perdas de balóns moi valiosos xusto cando menos debía facelo, e foi entón Seabra a que parou o xogo (17-18, min. 59).  

 E no medio minuto que naquel momento se presentaba como o definitivo, ocorreu o máis inesperado. Perdendo unha nova posición o Mecalia con apenas tres segundos para o asubío final, o colexiado interpretou a breve reticencia de Carme Castro en ceder o balón como unha sabotaxe, e como tal lle ensinou o cartón vermello co tempo xa terminado. A polémica decisión fixo explotar á bancada guardesa, e fíxoo aínda máis cando viu que o árbitro confirmaba a decisión despois de confirmarse no VAR. A incredulidade era total na antiga praza de touros cando Eider Poles anotaba os sete metros do empate e forzaba esta semifinal de tolos a unha prórroga de dez minutos (18-18, min. 60).  

 Tras un breve receso, o Guardés tivo que facer de tripas corazón para superar a rabia da concatenación de accións que desembocaran nun 4-0 que lle arrebatou a merecida vitoria para afrontar as dúas partes de cinco minutos que tiña por diante. Pero así o fixo o equipo baixomiñoto, que empezou o engadido forte cun gol de Cacheda e outro de Palomo despois, que desmentían a caída en graza das guardesas. Respondeu de novo Zaldua e tamén Navarro, ao parar o penalti de Elena Martínez, e de novo a renda quedaba ao mínimo (19-20, min. 63).

Amandine Balzinc recibindo o trofeo de MVP (Xogadora Máis Valiosa) do encontro
  

 Calquera mínimo detalle poñía o pavillón en chamas, todos os presentes conscientes do que había en xogo para ambos os clubs. A falta sobre a bucina da mesma lateral mislateña non transformou, pero si o fixera Sancha instantes atrás, que asinaba o último gol da primeira metade desta intensa prórroga (19-21, min. 65). E non houbo dúbidas xa ao regreso, cando o Guardés se armou de toda a súa brillantez ofensiva para asestar un 1-3 incontestable, da man dunha madurez colectiva tan fundamental como o fora en cuartos, e da non menos importante dunha Amandine Balzinc que serviu 19 paradas e foi escollida MVP (Xogadora Máis Valiosa) do encontro (20-24, final). E deste xeito o Mecalia meteuse, contra vento e marea e co orgullo intacto a pesar de todo, na segunda final copeira de toda a súa historia, catro anos despois de facelo en 2022 por primeira vez. O equipo baixomiñoto seguirá facendo soñar a toda A Guarda ata este domingo, ás 13.15 horas, cando se xogará un dos dous títulos históricos que aínda ten ao seu dispor esta tempada contra o Bera Bera, vencedor  da segunda semifinal que se xogou esta tarde.          

Rocasa Gran Canaria (9+11): Linnea Sundholm (3), Almudena Rodríguez (1), Martina Lang (4), Larissa da Silva (2), Lulu Guerra (p.), Victoria Correia, Silvia Navarro (p.), Ruth Artiles, Francieli Söthe (1), María Zaldua (4), Yassira Ramírez, Ana Medina, María González (2) e Eider Poles (3). 

Mecalia Atlético Guardés (10+13): Sabina Mínguez (p.), África Sempere, Jazmín Mendoza (2), Blazka Hauptman (4), Lorena Téllez (3), Cecilia Cacheda (3), María Palomo (3), Rosane Serrano, Elena Martínez (3), Cristina Cifuentes, Carme Castro (2), Nerea Gil, Ariana Portillo, María Sancha (3), Ania Ramos (1), Amandine Balzinc (p.).   

Marcador cada cinco minutos: 0-2, 2-2, 3-6, 5-6, 7-7, 8-9, 10-11, 12-12, 14-13, 14-15, 14-18, 18-18, 19-21, 20-24. 

Árbitros: Luis Colmenero e José Manuel Iniesta. Amoestaron con cartón amarelo á local Larissa da Silva e excluíron con dous minutos ás locais María Zaldua, Almudena Rodríguez (2), Linnea Sundholm e Francieli Söthe; e ás visitantes Blazka Hauptman (2) e María Palomo. Expulsaron con cartón vermello directo á visitante Carme Castro (minuto 59). 

Incidencias: Partido de semifinais a XLVII Copa de S. M. A Raíña, disputado na praza de touros de Illunbe – Donostia Area (San Sebastián). 

Ningún comentario:

Publicar un comentario